Presas: “Temos que apostar por un sistema sanitario público, óptimo e blindado”

  • O BNG denuncia o recorte de dez postos de traballo no persoal de cociña do CHUO e a apertura da nova non sendo de maneira gradual
Presas: “Temos que apostar por un sistema sanitario público, óptimo e blindado”

A cabeza de lista do BNG por Ourense ás eleccións ao Parlamento de Galiza, Noa Presas, e o voceiro municipal reuníronse co persoal da cociña do CHUO ante o inminente traslado á nova cociña do Hospital. Asemade, a cabeza de lista tamén participou dun encontro con gandeiros no Concello de Verea acompañada polo alcalde J. Antonio Pérez Valado.

Noa Presas reuniuse co persoal da cociña do CHUO para atender as súas demandas e mostrar a súa oposición ao recorte de persoal da plantilla e as condicións de apertura da nova cociña do hospital. “Até o momento había 96 persoas en cartelera e agora mesmo hai 86, o que significa que tal e como denunciaban as traballadoras e como levou no seu día o BNG ao Parlamento de Galiza, a apertura da nova cociña supón unha redución do persoal malia a propaganda electoral da Xunta de Galiza” sinalou a candidata Noa Presas.

Asemade, durante a xuntanza, tamén denunciaron dende o BNG a vulneración de dereitos do cadro de persoal na última distribución de carteleiras xa que reduce as fins de semana de libranza. “Agora mesmo están a ter alteracións por unha propia vinganza da dirección do CHUO despois de que as traballadoras denunciasen as condicións de insalubridade nas que traballaban na que vai ser a antiga cociña do Hospital de Ourense” destacou a candidata do BNG ao Parlamento Galego.

“Temos que apostar por ter un sistema sanitario público, óptimo e blindado e iso pasa tamén por ter as cociñas do Hospital en condicións adecuadas” asegurou Presas ademais de mostrar a súa preocupación a respecto de como se levará a cabo a apertura da nova cociña do centro hospitalario. “A mudanza non é gradual e a formación recibida foi escasa” explicou Presas diante da ineficacia e a improvisación da Xunta de Galiza polas présas de mudarse. “Hai xente que non sabe o horario nin o posto que vai desempeñar mañá e tampouco tiveron posibilidade de coñecer como funcionaban, de maneira persoal, as súas novas ferramentas de traballo” mostrou a candidata.

Presas tamén sinalou o incumprimento por parte da xerencia do compromiso de febreiro de que o traslado fora paulatino así como non se negociou cos sindicatos o traslado nin as carteleiras. “A apertura da cociña abre con dous anos e medio de atraso, xa que en setembro de 2017 o anterior xerente, López Bellido, indicara que a licitación sería inmediata e a apertura a comezos do 2018” lembrou Presas.

Presas: “Temos que apostar por un sistema sanitario público, óptimo e blindado”