Presas: "A Xunta minte de forma escandalosa"

Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza
Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza

A deputada do BNG pide responsabilidade ao SERGAS por non ter os dous equipos de Radioloxía en funcionamento

Presas: "A Xunta minte de forma escandalosa"

A deputada do BNG pola provincia de Ourense, Noa Presas, criticou o comunicado enviado polo SERGAS após a rolda de prensa na que a deputada aseguraba que os equipos de Radioloxía non estaban funcionando a pleno rendemento. Presas asegura que as obras realizadas comprometen os protocolos e non se axustan ao que se precisaba.

"A Xunta minte de forma escandalosa" asegurou a deputada do BNG. Segundo sinala Presas "é falso que a segunda resonancia non este funcionando  por vacacións do personal". Asegurou que en abril ou maio, que non era época de vacacións, o segundo equipo non estaba a funcionar. Asemade, destacou que "as obras realizadas nas instalacións do CHUO son unha chapuza e comprometen a seguridade".

A deputada do BNG, Noa Presas, lembra que o actual Conselleiro de Sanidade prometera en maio e agosto de 2018 que "habería dúas resonancias operando en Ourense". Neste momento só se atopa unha en funcionamento. Asemade, Presas sinalou que quen debe dar unha explicación é a Xunta de Galiza: "por que non hai dúas funcionando e que se vai facer para correxilo canto antes?" preguntou Presas.

"É un absoluto escándalo. Que a Xunta de Galiza non nos tome por idiotas" afirmou a deputada do BNG. Engadíu que o goberno de Feijoo debe facer o seu traballo e marcar unha folla de ruta para Ourense. "Esta é a definición dun goberno caduco, sen ideas para a provincia" afirmou Noa Presas, deputada no Parlamento de Galiza.

Presas destacou o forte compromiso do BNG ante a sanidade pública e a provincia de Ourense. Adiantou que solicitará no Parlamento Galego a comparecencia do Conselleiro de Sanidade, Jesus Vázquez Almuíña, para que pida desculpas públicas “por vir mentir a Ourense”. Asemade, dende o BNG esixirán que Ourense conte con dúas equipas de Radiografía Magnética en activo “para fortalecer a sanidade pública e evitar os desprazamentos á privada e os atrasos”.