Seara: “Ninguén pode ficar atrás nesta crise. O Concello ten que ter un papel fundamental”

O BNG avalía a Xunta de Portavoces e o plan de obras do cogoberno municipal

Seara: “Ninguén pode ficar atrás nesta crise. O Concello ten que ter un papel fundamental”

O voceiro municipal do BNG, Luis Seara, avaliou a Xunta de Portavoces do Concello de Ourense sinalando a lentitude na reacción do goberno. A formación nacionalista criticou as “obras faraónicas” froito do “capricho do alcalde” que pon de manifesto a maneira unilateral de como goberno. Asemade, sinalaron que o concello ten que ter un papel fundamental na superación da crise e esperan que a dinámica da equipa de goberno mude nas vindeiras semanas.

A segunda Xunta de Voceiros da semana e a segunda desde que se decretou o estado de alarma por parte do goberno do Estado trouxeron consigo varios temas a tratar: achegas sobre o borrador para axudas a autónomos, proxecto de obras, mobilidade etc. Para o BNG a dinámica desta xuntanza caracterizouse por seren un “monólogo do alcalde” e as súas “obras faraónicas”.

A formación nacionalista sinalou que “os concellos teñen que ter un papel fundamental na superación desta crise e non poden deixar ás persoas fóra. Este concello ten un remanente de 130 millóns de euros que se mobilizados de maneira razoada para reactivar a economía da cidade”.

O voceiro do BNG, Luis Seara, lembrou que a súa formación aportou achegas en diversos ámbitos entre os que destacou tres fundamentais: “no eido social propoñemos empregar fondos e ampliar os servizos sociais para que ningunha persoa quede atrás; cremos tamén na dinamización da actividade cultural como piar fundamental, o que fixo o cogoberno suprimindo dun plumazo a cultura local vai supor tamén un duro revés na actividade económica”. Asemade, tamén destacaron a necesidade de avanzar nun modelo de cidade para o futuro así como “convocar a mesa de mobilidade de Ourense” como apoio á hora de tomar medidas contra a covid-19 e frear os contaxios na desescalada.

“Tómanse as decisións que se toman única e exclusivamente por capricho do alcalde” afirmou o voceiro do BNG despois de coñecerse a nova que prohibía os ciclistas circular por determinadas vías. “Pensamos que moitas da medidas que aportamos son compatíbeis co actual PMUS e permitirían reforzar a seguridade e a distancia interpersoal” sinalou Seara.

Axudas para autónomos e pequenas empresas

A formación nacionalista adiantou o seu apoio na proposta do cogoberno sobre as axudas aos autónomos e as pequenas empresas a pesar de que “a nosa proposta era moita máis ambiciosa e recollía, ademais de maior cantidade de fondos económicos, axudas para o aluguer dos locais e para as traballadoras”. Mais tamén mostraron a súa preocupación desde a formación porque as axudas son por concorrencia non competitiva: “ninguén pode quedar excluído nestas achegas” sentenciou o voceiro do BNG. 

Plan de “obras faraónicas” de Jácome

Na Xunta de Portavoces tamén se tratou o plan de obras proposta polo cogoberno municipal. Para a formación nacionalista a actitude do alcalde neste punto da orde do día foi de “total monólogo” centrándose nas súas “obras faraónicas” coma o rañaceos na finca Santa Mariña –no que a Xunta informará negativamente. Para o BNG, o plan de obras “ten que axudar a dinamizar os barrios e as parroquias do concello, que tamén favorecerán a reactivación económica do municipio”. Amais, Seara afondou no proceso de humanización que tamén se ten que levar a cabo nos vindeiros anos.

Seara: “Ninguén pode ficar atrás nesta crise. O Concello ten que ter un papel fundamental”