Seara: “Ourense é o único concello do país que non ten actividade cultural de verán”

Durante unha das actividades culturais do verán
Durante unha das actividades culturais do verán
Seara: “Ourense é o único concello do país que non ten actividade cultural de verán”

O portavoz municipal do BNG en Ourense, Luis Seara, criticou a cancelación das actividades culturais programadas para o verán de 2019. A formación nacionalista sinalou como responsábeis directos a Democracia Ourensana, “organización que ve a cultura dende unha perspectiva mercantilista”.

A semana pasada o actual alcalde da cidada, Gonzalo P. Jácome, indicaba no pleno extraordinario que cancelaron as actividades culturais de verán porque “ninguén acudía a elas”. Segundo afirmaba o alcalde “eran menos de 50 persoas ás que acudían ás actividades”.

Dende o BNG xa criticaron coa formación de goberno que a área de Cultura caera en mans de Democracia Ourensana. “Non poden nin deben xestionar esta área aquelas persoas que teñen unha visión mercantilista da cultura” afirmou o portavoz municipal do BNG. Segundo sinalou Seara, a cultura para o BNG é un dereito “e un ben público que debe ser universal” así como afirmou que os poderes públicos deben contribuír neste sentido para garantir o acceso a ela “especialmente para aquelas persoas que non teñen recursos económicos suficientes”.

“Ourense é o único concello do país que non ten actividade cultural de verán” afirmou Seara sinalando que até o concello máis pequeno terá actividades específicas “por pequena que esta sexa”. Asemade, resaltaba que esta medida repercute negativamente “para aqueles visitantes que se achegan a Ourense”.

Seara desmentiu as declaracións do alcalde ás que se refería que foron as técnicas e traballadoras da área de cultura foron as que estaban de acordo en suprimir estas actividades. “É mentira porque, ademais dunha moi boa valoración social, suscita o interese de moitas persoas” afirmou o portavoz do BNG.

“Por sorte para as veciñas e veciños de Ourense, existe un tecido cultural forte de base que suple as carencias deste novo tripartito” afirmou Seara. Ademais, animou ás conveciñas a acudires ás múltiples actividades que se realizarán polas rúas da cidade. “A pesares dos enterradores da cultura do concello hai xente que suple estas carencias con imaxinación e talento” sentenciou Luis Seara.