O Ciclo de Música de Cámara cumpre 5 anos “de excelencia e fidelización de público”

O Ciclo de Música de Cámara cumpre 5 anos “de excelencia e fidelización de público”

O Ciclo de Música de Cámara Sen Batuta despediráse mañá xoves, día  7,  cun  concerto do Cuarteto Quiroga, agrupación  xa habitual deste evento que leva catro anos facendo de Ourense un  referente no panorama da música culta nacional e internacional. A Concellaría de Cultura clausara a tempada 2011/2012 presentando xa a programación do que será a V edición do Sen Batuta.  A concelleira de Cultura, Isabel Pérez e o coordinador artístico do ciclo, Cibrán Sierra, presentaban esta mañá un adianto dos artistas que visitaran o Paraninfo do Otero Pedrayo no período 2012/2013, nunha selección que mantén “os principios de calidade, excelencia e cercanía ao público que inspiraron Sen Batuta desde os seus comezos”.

A responsábel da Concellaría de Cultura, a edil do BNG, Isabel Pérez, presentou hoxe os primeiros detalles dunha nova edición do Sen Batuta, “unha aposta valente xa consolidada no tempo e no público, un ciclo que ten moito por diante pero que tamén comeza ter historia”, en referencia as pasadas edicións, que permitiron ao público ourensán desfrutar de pezas de máis de 150 compositores. A edición para 2012/2013  inclúe nove concertos a partir do mes de outubro e mantén o seu carácter actual e internacional “a pesar do actual contexto de continuos recortes e supresións”. Neste sentido, Isabel Pérez defendeu a labor desenvolta desde a Concellaría de Cultura “por deseñar un ciclo de esquema sinxelo pero resolutivo e cun orzamento asumible e axustado que non afectará a calidade da oferta”. O investimento para esta nova tempada é de 48.500€.

A vontade da Concellaría de Cultura por continuar apostando polo Sen Batuta vese reforzada pola progresiva fidelización de público que se leva producido nestes anos: “son máis que habituais os concertos con cheo total, pero o máis gratificante é a incoporación da xente máis nova”. Boa parte deste éxito débese o esforzo desenvolto no ámbito educativo: cada concerto acompáñase dun encontro – coloquio previo cos artistas e mais dunha unidade didáctica para traballar nos centros de ensino. “Así – lembraba a edil – este anos recibimos visitas dos conservatorio de Lugo, Vigo, Pontevedra, así como colexios e institutos de toda a provincia”.

O programa desta xa quinta  edición do Sen Batuta comprende nove concertos no período outubro – xuño os primeiros xoves de mes. As entradas manteñen o seu prezo de anos anteriores, 6€, con desconto do 50% aos posuidores do carne Xove, estudantes e xubilidades, e totalmente de balde para os menores de 18 anos. Así mesmo, en tanto que se trata dunha tempada regular, poránse a venda abonos para todos os concertos.

Ourense, 6 de xuño de 2012.

O Ciclo de Música de Cámara cumpre 5 anos “de excelencia e fidelización de público”