Moción sobre o acceso e estacionamento para os residentes na zona histórica de Ourense

Moción sobre o acceso e estacionamento para os residentes na zona histórica de Ourense

Texto íntegro da moción:

A poboación residente na zona histórica de Ourense trasladoulles recentemente aos grupos políticos da oposición e ao grupo de goberno as súas queixas sobre as restricións de acceso do tráfico rodado. A implantación da Ordenanza municipal de tráfico e circulación está provocando que moitas persoas que antes tiñan dereito de acceso ás vías de circulación restrinxida mediante tarxeta magnética, agora lles sexa retirado este dereito, o que xera diversos problemas dada a complexa casuística que concorre sobre este asunto.

A Ordenanza municipal de tráfico e circulación foi aprobada en 2010 e no anexo que fixaba o sistema de ordenación e regulación do tráfico viario nas rúas da zona histórica optouse por unha normativa restritiva, que tiña entre os seus obxectivos facilitar a circulación de peóns reducindo o risco de accidentes, estimular o desenvolvemento económico do barrio, evitar na medida do posible a circulación concorrente e conseguir unha maior calidade urbana.

Porém, a aplicación da normativa provoca hoxe que moitos residentes teñan dificultades que non tiñan antes e que, co tempo transcorrido, poidamos valorar inserir algunhas modificacións nesta ordenanza.

O cambio principal que se debe introducir é o de dotar de dereitos ás persoas e non aos vehículos, posto que son as persoas que alí viven e traballan as que deben poder acceder ás súas vivendas ou locais comerciais, independentemente de que vehículo usen porque, de feito, se relacionamos de forma exclusiva titular e vehículo, moitas persoas que non poden conducir non poderían ser levadas aos seus fogares, aínda que tivesen o dereito a teren tarxeta de acceso.

Ademais, o sistema actual de circulación restrinxida por bolardos, obriga os residentes sen tarxeta a dar continuas explicacións sobre o motivo da súa solicitude de acceso á súa casa ou negocio, fóra do horario de carga e descarga, sendo a petición atendida ou non segundo o criterio máis ou menos restritivo do persoal do Centro do Sistema de Control de Acceso, pois na normativa quedan prohibidos todos os accesos deste tipo sen comunicación previa por escrito á Policía Local.

Se queremos mellorar a calidade estética urbana da zona histórica debemos introducir na normativa a prohibición expresa do estacionamento de vehículos por un tempo superior ao que se poida considerar suficiente, dentro dos viais de circulación restrinxida. Pero se ademais queremos mellorar a calidade de vida dos residentes da zona histórica, debemos modificar a normativa para que poidan ter dereito a, por exemplo, achegar a compra diaria á súa casa nun vehículo sen ter que dar moitas explicacións, e que algo tan simple dependa da vontade dunha voz a través dun intercomunicador; hoxe si, mañá non, e pasado xa veremos.

Por outro lado, a Ordenanza reguladora do servizo de ordenación e regulación do aparcamento de vehículos na vía pública (O.R.A), establece nos seus artigos 5º e 6º o funcionamento das tarxetas de residente, a súa tarifa especial e a posibilidade de establecer espazos reservados para o aparcamento dos residentes, cando os seus domicilios se atopen en rúas peonís. Noutras moitas cidades podemos atopar rúas enteiras de aparcamento exclusivo para residentes, creadas para compensar as persoas que habitan en rúas peonizadas. Esta sería tamén unha medida que melloraría a habitabilidade da zona histórica de Ourense.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS

- Modificar a ordenanza municipal de tráfico e circulación, co fin de que todos os residentes e comerciantes da zona histórica de Ourense poidan acceder mediante o sistema de tarxeta magnética a esta. Contemplar nesta modificación a prohibición expresa de estacionamento, por un tempo superior ao que se determine, de calquera vehículo dentro da zona histórica, agás os de emerxencia e os adicados á carga e descarga nos horarios establecidos.

- Desenvolver o establecido na Ordenanza reguladora do servizo de ordenación e regulación do aparcamento de vehículos na vía pública (O.R.A) sobre as áreas de aparcamento para residentes, de tal xeito que se creen, nas rúas adxacentes á zona histórica, zonas de aparcamento exclusivo. A zona histórica debería ser contemplada como zona única e todos os residentes que o solicitasen poder contar cunha tarxeta de residente que lles permitiría estacionar nestas prazas reservadas.

Ourense, marzo de 2013

O voceiro do Grupo Municipal do BNG

Moción sobre o acceso e estacionamento para os residentes na zona histórica de Ourense