Moción de apoio á ILP das Plataformas contra os Desafiuzamentos

Moción de apoio á ILP das Plataformas contra os Desafiuzamentos

A crise económica e a carencia de leis que defendan o dereito constitucional das persoas a unha vivenda digna están a provocar miles de desafiuzamentos que constitúen un drama social sen precedentes.

logoBNGA ausencia de controis públicos permitiulle á banca a concesión abusiva de créditos hipotecarios e moitas persoas afectadas pola crise viron como a voracidade bancaria embargou as súas vivendas e, por riba, continuarán a lle deber ao banco, porque entregar a vivenda –coa lexislación hipotecaria vixente que consolida os privilexios da banca- non supón eliminar a débeda. Cómpre lembrar que o sector financeiro recibiu miles de millóns de diñeiro público para sanear a súa nefasta xestión, entre elas as consecuencias das súas aventuras na construción, que a burbulla inmobiliaria foi un dos factores da crise, e que goza de total permisividade pola ausencia de leis que impidan as execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras.

A función social da vivenda e o dereito a acceder a esta carece de valor diante dun sistema que a considera un simple ben de consumo suxeito ás leis do mercado, negando o dereito fundamental a un teito que acolla as persoas e permita que se desenvolvan socialmente. Por iso calquera desafiuzamento é simplemente unha agresión.

Os poderes públicos converten en papel mollado a Declaración Universal de Dereitos Humanos ou o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, que recoñecen, entre outros, o dereito de toda persoa a unha vivenda, e mesmo o artigo 47 da Constitución de 1978 estabelece o dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada.

Hoxe, as galegas e os galegos, a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular referendada por miles de sinaturas, están a demandar do Parlamento de Galiza a aprobación dunha proposición de lei que contribúa a garantir na Galiza o dereito constitucional a gozar dunha vivenda digna e adecuada, fomentar o acceso universal a unha vivenda habitábel e a paralizar todos os desafiuzamentos no noso país, favorecendo o alugueiro social e impulsando unha lei galega de Vivenda que promova o uso das vivendas baleiras ou deshabitadas.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1. O Concello de Ourense apoia a Iniciativa Lexislativa Popular a prol de garantir na Galiza o dereito fundamental a unha vivenda digna e da protección dos colectivos sociais máis vulnerábeis, que aborda:

A paralización dos desafiuzamentos, así como favorecer o alugueiro social.

A creación dun parque galego para a xestión de vivendas baleiras e a posta en marcha dunha axencia pública de alugueiro.

A expropiación das vivendas a bancos, filiais inmobiliarias e outras persoas xurídicas que posúan as vivendas das persoas físicas que estean en proceso de execución ou embargadas por mor dunha situación sobrevida derivada da fonda crise económica.

A paralización inmediata dos desafiuzamentos e do estabelecemento opcional da dación en pagamento.

2. Solicitar da Xunta de Galiza que se poña a disposición de [email protected] por desafiuzamentos, tanto en caso de hipotecas como de alugueiro, vivendas de alugueiro social no Concello de Ourense.

3.Trasladar este acordo ao presidente da Xunta e grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.

Ourense, marzo de 2014

Moción de apoio á ILP das Plataformas contra os Desafiuzamentos