Moción en defensa da Lingua Galega e da mobilización do 27X

Moción en defensa da Lingua Galega e da mobilización do 27X

Texto íntegro da moción a debate para o Pleno do 4 de Xaneiro de 2013:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A lingua galega é o principal sinal de identidade do pobo galego, o que fai que nos recoñezamos e nos recoñezan como tal pobo, máis alá da cultura, o territorio ou a nosa historia diferenciada.

Nestes tempos de dificultades económicas, nos que a falta de medios e de recursos públicos afecta ás capas sociais máis vulnerábeis; afecta tamén, como non, aos sinais de identidade que carecen dun uso normalizado como partes máis vulnerábeis do sistema. De aí, por exemplo, o peche de todos os xornais en papel editados en galego e de varios dos que se editaban en internet.

Tamén son tempos difíciles para o galego no ensino. O Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario da Xunta de Galicia pretendeu, baixo a escusa da “imposición” e a “falta de liberdade”, limitar o uso do galego concedéndolle, na teoría, o mesmo tratamento á lingua propia de Galiza ca ao castelán e ás linguas estranxeiras. Na práctica constatouse que foi o galego o que quedou en inferioridade no reparto de horas e materias. O decreto articulábase arredor de dúas medidas presuntamente democráticas: a consulta vinculante ás familias e a posibilidade de que o alumnado empregue na aula o idioma que queira. Ata seis recentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declaran ilegais estas medidas e lembran que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais.

Pola súa parte, o segundo anteproxecto de Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE) presentado polo Ministerio abre as portas a que nunha lei orgánica de educación se lexisle en termos tan concretos e nocivos contra a lingua. Entre outras cousas, establece unha estrutura xerárquica das materias nos diferentes niveis educativos que deixa a Lingua e Literatura galegas entre as materias de especialidade, por tras de relixión e da segunda lingua estranxeira. Mentres que, por exemplo, á primeira lingua estranxeira se lle outorga o estatus de materia troncal. Alén disto, os contidos galegos estarán vetados nas reválidas de 4º da ESO e 2º de Bacharelato.

Neste contexto, o consenso arredor da lingua parece difícil. Pero desde as corporacións locais pódese dar un paso para acadalo. Sería o primeiro paso nun camiño que abranguería a todas as institucións e colectivos se houber vontade. Porque no BNG estamos [email protected] de que o galego nos une, de que é un factor de cohesión e que nunca debería ser motivo de enfrontamento. Somos as persoas que temos representatividade nas institucións as que debemos devolverlle sentido e normalidade ao tratamento político, social e económico da lingua.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación a adopción dos seguintes

ACORDOS

1.Todos os membros desta Corporación empregarán a lingua galega en todas as intervencións orais ou escritas nas que exerzan a súa representatividade, nomeadamente nos plenos, xuntas de área e actos públicos, así como nos medios de comunicación.

2.O Pleno do Concello promoverá a sinatura dun Pacto pola Lingua que reúna, baixo os mesmos compromisos de defensa e promoción do galego, as forzas políticas, sindicais, organizacións empresariais, colexios profesionais, sistema de ensino e cantas institucións ou persoas queiran sumarse.

3.O Pleno do Concello de Ourense promoverá, no que atinxe á Administración Local, a correcta aplicación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por consenso de todas as forzas políticas do Parlamento Galego no 2005.

4.Instar á Xunta de Galiza para que, acatando as diferentes sentenzas desfavorables, derrogue o Decreto do plurilingüismo no ensino non universitario.

5.O Concello de Ourense apoiará a manifestación convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego que, baixo o lema “Pola lingua que nos une”, se desenvolverá o domingo 27 de xaneiro, ás 12 horas, desde a Alameda de Santiago de Compostela.

[ Descargar Texto íntegro da Moción sobre o Galego ]

Ourense, 27 decembro de 2012

Asinado: D. Xosé Somoza Medina

Voceiro do Grupo Municipal do BNG

Concello de Ourense

Moción en defensa da Lingua Galega e da mobilización do 27X