MOCIÓN SOLICITANDO UNHA MODIFICACIÓN FISCAL XUSTA COAS PERSOAS QUE RECIBEN PENSIÓNS DE EXTRANXEIRAS

MOCIÓN SOLICITANDO UNHA MODIFICACIÓN FISCAL XUSTA COAS PERSOAS QUE RECIBEN PENSIÓNS DE EXTRANXEIRAS

A crise económica estrutural que padecemos e que serve de pretexto para acabar con moitas das conquistas sociais da segunda metade do século XX, provocan en Galiza unha nova volta ao seu máis triste pasado, unha viaxe de ida e volta común a outras terras marxinadas, nas que os tempos de carestías son resoltos a través da emigración das persoas potencialmente máis capaces, que deben abandonar a súa terra na procura de traballo. Así, en función dos ciclos das crises, nas familias extensas pode haber exemplos de emigración a diferentes países. Un antepasado que foi a Cuba, os avós a Venezuela, algún parente en Suíza e resulta que, agora, os fillos teñen que marchar a Alemaña porque na súa terra non hai futuro.

Isto non é produto dunha maldición divina ou consecuencia dunha xeopolítica concreta con territorios vencedores e territorios perdedores. Son as decisións políticas de localización as que provocan eses desequilibrios e son os nacionalismos os modelos políticos que poden facer que ese modelo histórico despareza para sempre. Quen non crea nisto último que estude o modelo irlandés.

Tendo en conta que a emigración e a crise demográfica son a consecuencia do problema e non o problema en si, debemos tratar de mellorar en todo o posible as condicións desa emigración, ata que podamos facer fronte aos desequilibrios que a orixinan.

Porén, o Estado español no caso concreto dos emigrantes retornados, lonxe de solucionar os problemas de desarraigo e de lles ofrecer un tratamento especial a estas persoas, o que ten feito é tratalos como delincuentes enviándolles requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas en concepto de pensións no estranxeiro, con propostas de sancións e pago de intereses de mora, cando en moitas ocasións os técnicos da Administración lles dixeron no seu día que as pensións non as tiñan que declarar. Pero son outros tempos e parece que hai que sacarlles os cuartos aos que menos teñen para cadrar os balances que esixe Bruxelas.

Os anuncios dunha vindeira reforma fiscal que englobe unha regularización das rendas percibidas desde o estranxeiro por emigrantes retornados non é dabondo para equiparar o tratamento fiscal equitativo, xa que só pretende ofrecer un procedemento para tributar baixo o marco tributario vixente, demorando no tempo a obriga fiscal, mais en todo caso impondo unha tributación diferenciada da aplicábel ao outras persoas que perciben pensións.

Nós non podemos permanecer alleos a este inxusto trato fiscal dado a miles de persoas emigrantes retornadas, e ofrecer unha solución normativa propia que vaia alén dunha regularización baixo o marco dunha discutíbel regulación fiscal, senón que lles proporcione unha nova regulación tributaria fundamentada na equidade e con vocación de permanencia, modificando diversos preceptos da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas que provocan ese trato discriminatorio.

Por iso, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal, a adopción do seguinte

ACORDO

Reclamar do Goberno do Estado que, no marco da modificación fiscal que está tramitando, se modifique a lei 35/2006 para garantir que as pensións que perciben os e as emigrantes retornadas do estranxeiro teñan un trato fiscal idéntico ao resto dos pensionistas.

Ourense, novembro de 2014

MOCIÓN SOLICITANDO UNHA MODIFICACIÓN FISCAL XUSTA COAS PERSOAS QUE RECIBEN PENSIÓNS DE EXTRANXEIRAS