Representantes das cidades do Eixo Atlántico dánse cita en Ourense

Representantes das cidades do Eixo Atlántico dánse cita en Ourense

As instalacións do Centro Cívico da Ponte acolleron esta mañá a xuntanza da Comisión Delegada de Deportes do Eixo Atlántico encargada de escoller a cidade na que se celebrará a décima edición dos Xogos do Eixo Atlántico de 2013. Representantes das 34 cidades que integran este ente transfronteirizos foron recibidos polas autoridades locais da cidade, nun acto no que participaron, ademáis do Alcalde Francisco Rodríguez, a Tenente Alcalde Isabel Pérez e o Concelleiro de Deportes, Fernando Varela, quen tamén se sumou ao grupo de traballo. A comisión reunida en Ourense acordou nomear á vila portuguesa de Guimarães como anfitriona do encontro deportivo que busca tender lazos entre Galiza e Portugal.

A Comisión Delegada de Deportes do Eixo Atlántico está formada por concelleiros e técnicos das 34 cidades membros desta organización. Ao longo desta mañá a comisión mantivo unha xornada de traballo para debatir e propor diferentes iniciativas en materia de deportes, salientando as candidaturas a acoller á décima edición dos Xogos, na que o pasado ano participaron preto de 1.500 rapaces e rapazas. Aproveitando a súa estancia na cidade, os participantes aproveitarán para coñecer de preto Ourense e a súa oferta turística; para esta tarde está previsto que a comisión realice unha visita ás instalacións termais da cidade.

Durante o acto de recepción celebrado está mañá no Centro Cívico da Ponte os representantes da Comisión foros agasallados cun detalle de protocolo por parte do Concello, así como material de promoción turística de Ourense.

Ourense, 18 de abril de 2012.