Imprimir

O BNG chama á mobilización o 25X e a participar no centenario do Día da Patria en Ourense

bngourense | 22 de xullo de 2020

Noa Presas: “Este 25 de xullo é unha data moi relevante para nós porque se cumpre o centenario da primeira celebración do Día de Patria”

A organización nacionalista celebrará o Día da Patria nas sete cidades galegas en conexión directa con Santiago de Compostela e a intervención da voceira nacional, Ana Pontón

A formación nacionalista anunciou o acto do 25 de xullo que celebrarán na cidade de Ourense e fixo un chamamento á mobilización cidadá neste día de reivindicación após cen anos do primeiro Día da Patria. No acto intervirán a membro da Dirección Nacional de Galiza Nova, Stella González; o voceiro municipal do BNG, Luis Seara; e a representante da Executiva Nacional da formación nacionalista, Noa Presas.

Presas e Seara presentaron hoxe o cartel e o lema da campaña nacional para celebrar este 25X que ocorre nunhas circunstancias diferentes ao resto de convocatorias de mobilización do Día da Patria. A pesar da COVID-19 a organización nacionalista fixouse o reto de organizar un acto central en Compostela con aforo limitado, onde intervirán o Secretario Xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, e a voceira nacional do BNG, Ana Pontón; así como sete actos descentralizados nas sete cidades galegas.

Baixo o lema “Construíndo a nova Galiza”, a formación nacionalista  pretende dar continuidade ao da campaña do 12X, acadando resultados históricos para a organización e simbolizando un paso moi importante dentro dun proceso de avance na defensa dos dereitos nacionais e sociais de Galiza e comezo dun novo ciclo no nacionalismo “preparado para ser a ferramenta que Galiza precisa”.

No tocante á celebración convocada polo BNG en Ourense, será no Parque Barbaña da cidade ás 12 da mañá e contarase coa intervención da representante de Galiza Nova, Stella González; o voceiro municipal do BNG en Ourense, Luis Seara; e a representante da Executiva Nacional da formación, Noa Presas. “Este 25 de xullo é unha data moi relevante para nós porque se cumpre o centenario da primeira celebración do Día de Patria despois de que a Asembleia Nacionalista de Santiago de Compostela en 1919 decidise comezar esta festa reivindicativa” sinalou Presas.

Nestas circunstancias excepcionais, a organización nacionalista levará a cabo todos os actos contando coas medidas e protocolos socio-sanitarios establecidos pola administración “ao igual que se cumpriron durante a campaña electoral do 12X”: con limitación de aforo, co uso obrigatorio da máscara e “un perímetro que garanta a seguridade para que se poidan desenvolver con total tranquilidade”.

Novo ciclo para o nacionalismo e os retos políticos de futuro

Esta mesma semana, segundo sinalou Noa Presas, durante a sesión plenaria no Congreso das e dos Deputados que ficou en evidencia “o resultado que entendemos que é insatisfactorio” despois da aprobación dos ditames da Comisión de Reconstrución: “non aposta polas maiorías sociais nin en reforzar e recuperar os servizos públicos” destacou. PSOE e UP rexeitaron propostas como a xestión directa da sanidade pública, un imposto ás grandes fortunas, reducir o gasto militar e mesmo a recuperación do rescate bancario de hai anos.

Por outra banda, nestes últimos días tamén se levo a cabo a Cimeira no seo da Unión Europea onde se puido comprobar que o obxectivo dos mandatarios é “reducir os fondos comunitarios e aumentar as exixencias para acceder a eles en vez de aplicar a solidariedade que se precisaría nunha crise desta envergadura”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-chama-mobilizacion-25x-participar-centenario-do-dia-da-patria-ourense/20200722114339002564.html


© 2020 BNG de Ourense

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: [email protected]