BNG critica a nula visión do goberno municipal en materia de transporte e a desigualdade dos que gozan da gratuidade

Seara solicitou que se teñan criterios igualitarios e unificados para todos os colectivos que poden acceder ao autobús público con bonos gratuítos

BNG critica a nula visión do goberno municipal en materia de transporte e a desigualdade dos que gozan da gratuidade

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense criticou o agravio comparativo entre os distintos colectivos que gozan da gratuidade do autobús urbano. Asemade, o voceiro municipal sinalou que o cogoberno municipal ten que establecer criterios uniformes e iguais para todos os colectivos e procurar solucións para aquelas persoas que non poden actualizar as súas tarxetas e bonos.

Durante o Estado de alarma e nestas semanas ao longo da pandemia, O BNG solicitou ao executivo municipal e, en concreto, ao concelleiro de infraestruturas que tivesen en conta os protocolos de seguridade que marcaban as autoridades sanitarias. En materia de transporte, o BNG trasladoulle, como estaban a facer noutras cidades do país, que o acceso aos autobuses fora gratuíto para que as usuarias puidesen entrar pola parte traseiro e así, evitar o contacto condutor-usuario. “Por parte do concelleiro delegado díxosenos que non podía facerse mais cambiaron de criterio aos poucos días decretando a gratuidade do autobús” sinalou o voceiro municipal do BNG, Luis Seara.

O voceiro do BNG sinalou que desde este luns reanudouse o cobro e o uso obrigatorio dos bonos para poder viaxar no transporte colectivo e esta situación, segundo coñecen desde a formación nacionalista, “está a provocar diferenzas de criterio en relacións cos bonificados o que xera un agravio comparativo entre eles”.

“Aos pensionistas que lles caducou a tarxeta durante o confinamento, e xa que logo non puideron renovar os bonos, a empresa concesionaria deulle a posibilidade de obter un billete cero até que non renoven o seu bono” indicou Seara alegando que “isto non ocorre con outro colectivo beneficiario como as desempregadas e desempregados que, ao estar pechada a Servizo Galego de Colocación, non puideron renovar a tarxeta do paro e non puideron obter o bono gratuíto”. O voceiro municipal criticou que ás desempregadas se lles está cobrando por empregar o transporte público e provoca unha diminución nas súas economías particulares.

Seara solicitou que se teñan criterios iguais para todos os colectivos que gozan deste servizo e garantir o dereito das desempregadas a empregar o autobús de maneira gratuíta. O BNG indicoulle ao cogoberno municipal que haxa consideración, con carácter transitorio, con este colectivo que acredite estar desempregado ou desempregada.

BNG critica a nula visión do goberno municipal en materia de transporte e a desigualdade dos que gozan da gratuidade