Imprimir

O BNG critica a petición de compatibilidade de Jácome

bngourense | 07 de agosto de 2019

Dende a organización frontista sinalan que un concello como Ourense "non se pode gobernar a tempo parcial" tal e como quere o actual alcalde

O concello de Ourense convocou o pleno extraordinario para este venres no que se tratarán as mocións presentadas polas formacións políticas. O BNG levará as mocións referentes ao PXOM e á Estación Intermodal. Tamén se falará da petición de compatibilidade do actual alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome.

O portavoz municipal do BNG, Luis Seara, afirmou que a solicitude do actual alcalde, Gonzalo P. Jácome, de compatibilidade coa empresa privada é, ademáis de un despropósito, "un insulto ás veciñas e veciños de Ourense". "Non é normal que un concello da dimensión e da complexidade deste, no que está todo manga por hombro, con prácticamente todas as concesións administrativas caducadas, non teña un alcalde a tempo completo as 24 horas" sinalou o voceiro municipal do BNG.

As concesións caducadas provocan un ronsel de reparos continuos da intervención, e sen máis ocupación e preocupación que a de sacar a Ourense da situación de parálise na que está sumido. "Este concello non merece un alcalde que considera que se pode gobernar a tempo parcial" explicou o portavoz Seara. Continuou explicando que "o concello de Ourense non pode ser un pasatempo nin unha máquina de xerar ingresos, bastante substanciais, para o alcalde".

Hai poucos días o portavoz de D.O. cuestionaba que o portavoz do PSOE pedira a compatibilidade para poder dar clase na universidade a tempo parcial como profesor asociado. O actual alcalde adicoulle palabras moi duras e acusandoo de pesetero e de non ter tempo para traballar o suficiente polo concello. "Que vai dicir agora do alcalde? considera tamén, que, alén  do que digan os informes xurídicos,  é impresantable se mire por onde se mire?" preguntou Seara.

O portavoz do BNG explicou que "non poden existir distintas varas de medir, máxime cando un acada a máis alta responsabilidade no concello". Asemade, Seara convida ao actual alcalde a replantexarse a súa solicitude que afectará a todas as veciñas e veciños do concello de Ourense.

 

Iniciativas importantes para Ourense

O BNG, como xa se viña anunciando, levará neste primeiro pleno da nova corporación mocións vinculadas a dúas decisións políticas importantes para o concello de Ourense:  por unha banda, o Plan Xeral de Ordenación Municipal, onde esixen unha exposición pública do documento modificado polo goberno local; e por outra banda, a Estación Intermodal, onde a formación nacionalista pulará pola recuperación da primeira idea aprobada escollida co soterramento das vías e a construcción dunha vía exterior.

 

Mocións impostas dende Madrid

Dende a organización nacionalista critican o feito de que Ciudadanos leve ao pleno municipal unha moción enviada dende Madrid a todos os concellos do Estado onde teñen representación. Sinalan que "malgastan unha das mocións que poden presentar en algo que non afecta á cidadanía de Ourense nun dos primeiros plenos".

O día do Orgullo este ano conmemoraba os 50 anos da revolta de Stonewall, é dicir, cunha forte carga reivindicativa a prol dos dereitos do colectivo LGTBI. "Dereitos que negan e pretenden recortar as forzas políticas coas que Ciudadanos pacta, negocia e goberna" sinalou a concelleira do BNG, Rhut Reza.

Asemade, a concelleira destacou o feito da importancia do 28 Xullo como "día para visibilizar os dereitos do colectivo e para visibilizar todos e cada un dos dereitos que lle son negados en lugares, por exemplo, como Galiza".

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-critica-peticion-compatibilidade-jacome/20190807095550002371.html


© 2019 BNG de Ourense

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: [email protected]