O BNG propón un servizo de impresión gratuíto para as estudantes

A formación nacionalista quere axudar a rachar coa fenda económica entre as estudantes do Concello de Ourense

O BNG propón un servizo de impresión gratuíto para as estudantes

O BNG enviou unha serie de propostas en materia educativa co obxectivo de superar a fenda económica entre as estudantes do Concello de Ourense. Aseguraron que estas medidas supón un escaso custo económico para a administración local e que deben de poñer todos os recursos municipal a disposición da cidadanía.

O peche de aulas decretado polo estado de alarmas provocou que miles de estudantes fiquen nas súas casas e leven a cabo as súas labores desde o seu domicilio. Á capacidade de manter unha rutina para que as crianzas poidan mitigar o efecto do peche de escolas polo coronavirus súmaselle a fenda económica e a brecha dixital que existe nalgunhas familias do noso concello. O confinamento non pode afectar ao rendemento económico e ás habilidades cognitivas dos nenos e nenas das familias con menos recursos.

Segundo os datos recollidos e analizados, dos núcleos familiares que perciben  menos de 900€ ao mes, un 42% non posúe ordenador na casa e un 22% non ten acceso a internet. Para estas familias é moi complexo desenvolver a actividade educativa. Dende a formación nacionalista están aportando unha serie de medidas onde as administracións teñan que levar a cabo programas de seguimento e acompañamento para identificar a situación familiar das estudantes para asegurar que “non lles falten os elementos máis básicos e elementais para o desenvolvemento das actividades educativas”.

Dende o BNG propuxeron que, desde a concellería de educación, se deben poñer os medios necesarios para mitigar esta situación de fenda entre os rapaces e rapazas do concello de Ourense. Animan ao cogoberno da cidade a establecer un servizo de impresión á demanda para todas aquelas “estudantes que por insuficiencia de medios non poidan imprimir o material escolar nos seus domicilios” que en condicións normais sería asumidas estas tarefas polos centros educativos. Asemade, engadiron que o material debería ser entregado en cada domicilio solicitante, xa que no estado de confinamento as estudantes non poden saír das súas casas.

Engaden que existen propostas similares noutros concellos do país que se están levando a cabo, cun escaso custo económico, por parte das institucións municipais pero que axudan- cualitativa e cuantitativamente- a superar a fenda económica entre estudantes.

O BNG propón un servizo de impresión gratuíto para as estudantes