O BNG urxe a presentación dos orzamentos

O BNG urxe a presentación dos orzamentos

No Pleno celebrado o pasado día 5 de abril, o portavoz do BNG, Xosé Somoza instou ao alcalde e ao Concelleiro de Facenda, na quenda de Rogos e Preguntas, a non retrasar máis a presentación do borrador dos orzamentos de 2013. Somoza reiterou unha pregunta xa feita en anteriores plenos, “xa pasamos o primeiro trimestre e aínda non sabemos nada dos orzamentos” declarou, para a continuación aludir directamente ao alcalde, “Sr. Alcalde, cando teremos os grupos da oposición o borrador dos orzamentos?”.

O retraso na presentación dos orzamentos de 2013 mostra a xuizo do BNG os problemas internos do grupo de goberno, pois a negociación interna é a que semella estar sendo máis intensa e complexa. O concelleiro responsable, sempre que se lle pregunta, resposta que pronto publicarán o primeiro borrador, pero é o propio paso do tempo o que resta credibilidade a esta afirmación.

Desde o BNG insistimos nas nosas declaracións realizadas en xaneiro, xa hai tres meses. A vontade do BNG é que máis pronto que tarde Ourense teña aprobados os seus orzamentos para 2013, mais tamén temos claro que para que o BNG apoie estos orzamentos deben de verificarse unha serie de premisas:

É imprescindibel que nos orzamentos se defina con claridade unha aposta decidida por xerar emprego e polo fomento das iniciativas empresariais que desenvolvan recursos locais, tendo no termalismo o eixo estruturante da nosa economía urbana. Unha aposta que obrigatoriamente debe traducirse na xeración de emprego.

O Concello de Ourense debe manter, e nalgúns casos ampliar, o investimento social. Coa crise socioeconómica creada polo neoliberalismo imperante é de vital importancia protexer e axudar ás persoas máis necesitadas. Por iso consideramos que na estrutura xeral dos orzamentos debe remarcarse por parte do goberno da cidade a procura dunha maior xustiza social.

O BNG entende que os orzamentos deben promover a creación dunha cidade integral, unha cidade máis xusta e equitativa. Por isto, se deberían priorizar determinados barrios da cidade que noutras épocas foron discriminados e que non contan hoxe en día cos mesmos servizos.

O Concello de Ourense debe deixar claro nos orzamentos á promoción e valorización dos feitos culturais que definen a esta cidade como parte da nosa nación, con actuacións encamiñadas a protexer o patrimonio popular, material e inmaterial, e a difusión e normalización da nosa língua.

O BNG urxe a presentación dos orzamentos