A Concellaría de Medio Ambiente inicia unha campaña de sensibilización ambiental

A Concellaría de Medio Ambiente inicia unha campaña de sensibilización ambiental

Co gallo de conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra este 5 de xuño, a Concellaría de Medio Ambiente de Ourense vén de presentar unha campaña de sensibilización dirixida ao público infantil. “NoMedio. Pertenzo a unha comunidade de vida” é o lema que agrupa unha serie de actividades lúdicas de animación de rúa para achegar aos máis cativos valores como o respecto, a convivencia, ou a resposabilidade individual e colectiva co medio e coa vida como camiño cara a unha consciencia verde global. O programa arranca este xoves, 24 de maio, na Praza de San Martiño: haberá un obradoiro de construción de monicreques seguido do espectáculo O Galo Quirico, de Viravolta Títeres.

A Concelleira de Medio Ambiente, a nacionalista Marta Arribas, foi a encargada de presentar hoxe esta nova iniciativa do seu departamento “que non quere limitarse ao mantemento e conservación dos espazos verdes de Ourense, senón facer partícipe á cidadanía do rol que todos xogamos no compromiso co noso medio”. A edil difiniu a campaña como “unha iniciativa humilde pero feita coa maior das ilusións, que é a que queremos transmitir ao todos os que participen dela” e defendeu a realización das actividades, xogos, teatro, contacontos, etc. en espazos públicos “a reinvidicar e pór en valor” referíndose especialmente ás dúas gynkanas que se celebrarán en Montealegre o propio día 5.

Acompañando a edil estiveron hoxe no acto de presentación a técnico de Medio Ambiente, María Hermida, e o representante de Cultura Activa, Fran Rey, quen deu conta da programación para estes días destacando “o privilexio de contar con contacontos como Anxo Moure, que vai percorrer as rúas da cidade coa súa ciclobiblioteca” e os espectáculos de Malabaranda Teatro “un dos maiores embaixadores do Novo Circo en Galiza”.

A campaña “NoMedio” programará actividades até o 8 de xuño, todas de balde e abertas tanto a pequenos como maiores.

Ourense, 23 de maio de 2012.

A Concellaría de Medio Ambiente inicia unha campaña de sensibilización ambiental