O Concello debe tomar medidas reais para frear o drama dos desafiuzamentos

O Concello debe tomar medidas reais para frear o drama dos desafiuzamentos

O BNG pedirá no Pleno a modificacion da Lei Hipotecaria e a adopción de medidas sociais para as familias afectadas

O Grupo Municipal do BNG pedirá no vindeiro pleno o acordo da corporación para instar á Xunta de Galiza a demandar do Goberno español medidas reais para resolver o drama dos desafiuzamentos e ao propio Concello a creación dunha Comisión Especial composta polos grupos municipais e as plataformas contra os desafiuzamentos.

A banca sobretasou as vivendas, relaxou o acceso ás hipotecas e xerou un mercado fraudulento en torno á vivenda e agora, cando o sector financeiro entra en crise e provoca a perda de emprego, a baixada do consumo, e que as familias non podan acceder a recursos para saldar as súas débedas exixe que sexan as familias as que paguen as perdas. Dende o BNG cremos que debe ser a banca a que asuma as perdas derivadas de prácticas e actuacións inmorais porque non podemos permitirnos leis que defendan os intereses da banca por riba dos intereses das persoas. Os nacionalistas queremos mecanismos que defendan ás persoas.

Dende o BNG esiximos medidas reais e non Decretos como o que ven de aprobar o PP co apoio do PSOE que non enfronta a raíz do drama dos desafiuzamentos nen habilita mecanismos para solucionar o problema das familias que xa foron desafiuzadas. Non hai unha moratoria eficaz, os casos que entran na moratoria plantexada son mínimos en relación aos que existen en risco (e son en base a criterios arbitrarios e discriminatorios), non hai retroactividade, non se tocan os intereses de demora e fala dun Fondo Social de vivendas que se nutriría das vivendas roubadas ás familias pero non se di nen cantas nen como se vai crear ese parque de vivendas... Tanto PSOE (cando gobernaba) como o PP (que goberna agora) tiveron a oportunidade de modificar a Lei Hipotecaria no momento en que comezábamos a vivir o drama dos desafiuzamentos e NON quixeron, a última vez no 2011 cando o BNG presentou unha proposta no parlamento do estado. Na súa vez, preferiron apostar por plantexamentos como este decreto que non é máis que un parche que non resolve o problema de fondo, non é máis que política de maquillaxe como resposta á mobilización cidadá contra os desafiuzamentos, como é política de maquillaxe decir que se conseguen compromisos éticos por parte da banca para parar os desafiuzamentos.

Dende o BNG queremos abordar a solución ao drama dos desafiuzamentos con medidas reais: por iso, dende o Grupo Municipal levaremos a debate ao Pleno a necesidade de instar á Xunta a demandar do goberno central unha reforma da Lei Hipotecaria que teña carácter retroactivo (350.000 familias desafiuzadas), que contemple a extinción do crédito coa entrega da vivenda, que garanta o alugueiro social, contemplar moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas difíciles, crear unha oficina de asesoramento para familias ameazadas polos desafiuzamentos, a información e o coñecemento poderían, nalgúns casos, ter axudado a non empeorar situacións xa de por si malas. Asemade, demandamos do Concello de Ourense a necesidade de crear unha Comisión Especial para abordar solucións, unha Comisión formada por responsábeis dos Servizos Sociais pero tamén polos diferentes grupos e polas plataformas contra os desafiuzamentos. Solicitar das entidades bancarias a colaboración con esta comisión e no caso de non darse prescindir dos servizos destas entidades.

Tamén recollemos, no punto 6, a petición que nos traslada a Plataforma contra os desafiuzamentos para pedir do Concello colaboración na recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular na que se solicita a modificación da lei hipotecaria, a dación en pago e o alugueiro social.

O BNG colaborará nesta recollida de sinaturas a través da participación da nosa militancia e o Grupo Municipal pon a disposición o espazo físico que ocupa no Concello onde teremos a ILP a disposición de quen queira asinar, de luns a venres de 9 a 2.

Para a presentación da moción aos meios o BNG contou coa participación da Plataforma contra os desafiuzamos á que agradecemos a súa participación e da que recollemos o traballo que ven realizando no último ano ao que agardamos poder contribuír coa presentación desta moción no Pleno de decembro.

Ourense, 28 de novembro de 2012

Asdo.: Grupo Municipal do BNG de Ourense

O Concello debe tomar medidas reais para frear o drama dos desafiuzamentos