Imprimir

A recuperación da sanidade pública será unha prioridade no traballo político do BNG en Ourense

bngourense | 11 de xaneiro de 2017

Foto coas veciñas e veciños de Viana
Foto coas veciñas e veciños de Viana

Viana continuará avanzando malia a pinza PP PSOE que impedirá destinar a usos sociais e infraestruturas máis de 360.000 euros e prexudicará á veciñanza

A deputada por Ourense do BNG e membro da Executiva Nacional visitou hoxe Viana do Bolo para apoiar a concentración mensual que levan a cabo veciños e veciñas para reclamar unha maior dotación de pediatría para a vila. Na actualidade, o Centro de Saúde do Concello recibe a visita unha vez á semana dunha persoa especialista en Pediatría para atender á poboación infantil un día á semana malia ter aumentado a natalidade.

A nacionalista criticou o “progresivo desmantelamento da sanidade pública do noso país. En días como hoxe as urxencias do CHUO en Ourense están absolutamente colapsadas e a xerencia, que xa debera ter dimitido, segue a negar as evidencias que constatan as fotos das persoas doentes das redes e enviadas á prensa”. “A redución de orzamentos, redución de camas e servizos, repagamento de medicamentos, etc ocasionan graves prexuízos, agravados en Ourense polo envellecemento da poboación.” Sobre a situación de Viana, engadiu “non se entende que a Xunta dea a calada por resposta e levaremos este problema e outros da área sanitaria de Valdeorras tamén ao Parlamento. Non se pode permitir que a Xunta contribúa por acción e omisión á falta de atención das necesidades básicas da poboación, desincentivando a natalidade onde, malia todas as dificultades, está medrando”.

Ademais, avanzou que nas emendas parciais aos orzamentos o BNG exixe unha partida específica para a mellora dos servizos nos hospitais de Verín e Valdeorras e as súas áreas sanitarias, xa que a xuízo do BNG o investimento unicamente no Plan Director do CHUO é totalmente insuficiente e marxina o resto da provincia.

Doutra banda, a deputada trasladou en nome da Executiva Nacional o total respaldo ao BNG local no novo boicot de PP e PSOE ao gobernomunicipal que cualificou de “vergoñento” xa que despois de non presentar ningunha achega, impedirán destinar a usos sociais e infraestruturas máis de 360.000 euros e prexudicará á veciñanza.

 

Ourense, 3 de xaneiro de 2017

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/noa-presas-bng-neste-2017-recuperacion-da-sanidade-publica-sera-prioridade-no-traballo-politico-parlamentar-municipal-do-bng-na-provincia-ourense/20170111144729002345.html


© 2020 BNG de Ourense

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: [email protected]