Presas denuncia a decisión unilateral do PP de pechar servizos no Hospital de Verín

Presas denuncia a decisión unilateral do PP de pechar servizos no Hospital de Verín

A deputada nacionalista, Noa Presas, denunciou a decisión unilateral do SERGAS de suprimir o paritorio e a pediatría de urxencia no Hospital de Verín. Criticou o veto do PP na Xunta de Portavoces ante a petición de comparecencia do Conselleiro de Sanidade así como animou a participar na concentración convocada para o vindeiro 30 de novembro.

Hai quince días, en sede parlamentaria, a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, preguntáballe ao Conselleiro sobre a demora das máis de 1.200 citas. O Conselleira naquel momento comprometeuse a convocar dúas prazas de pediatría mais hai unha semana o SERGAS anunciaba que era “innecesario este servizo no Hospital de Verín”. Xa adiantou Presas durante a comparecencia parlamentar que o obxectivo do PP era “quitar o servizo de pediatría de urxencias e o paritorio no Hospital”.

Ante esta noticia, a deputada do BNG criticou o abandono da comarca de Verín e Monterrei e ás máis de 2.500 crianzas da zona. “Non son desculpas técnicas cando a realidade son criterios e prioridades políticas do Partido Popular” avanzou Presas. Asemade incidiu na falta de diálogo coas profesionais de Verín “mesmo o xefe de xinecoloxía non se atopaba no Hospital cando se deu a noticia” e o resto de profesionais tampouco sabían nada. Asegurou mesmo que os alcaldes, concelleiros e concelleiras das distintas corporacións municipais da comarca non recibiran ningunha noticia previa así como tampouco as representantes veciñais.

“Os grupos da oposición solicitamos a comparecencia específica do Conselleiro de Sanidade para abordar este asunto no Parlamento de Galiza” sinalou Presas ante a prensa. O Partido Popular, na Xunta de Portavoces do Parlamento Galego acaba de vetar esta comparecencia na cámara galega.

Dende o BNG rexeitan esta decisión tomada de maneira unilateral polo SERGAS. “Isto obedece a criterios que o único que buscan é recortar un servizo e abandonar o rural” asegurou. “Esixiremos que se publiquen de inmediato as listas de agarda de pediatría dos tres hospitais da provincia. Sabemos que están cancelando, aprazando e anulando citas. Unha crianza da provincia de Ourense ten o mesmo dereito a unha atención sanitaria digna” sentenzou Presas

Presas: “as profesionais non veñen pola desorganización de servizo de sanidade ourensán e o tipo de condicións que se lles está ofrecendo”

Presas destacou os exemplos xudiciais que lle deron a razón aos médicos, coma o caso de Valdeorras co servizo de gardas ou mesmo o pediatra que debía ser indemnizado con 15.000€ no mes de marzo pola sobrecarga de traballo que lle impuxo o SERGAS.

“Marchan a outros hospitais de Galiza porque lles ofrecen mellores condicións. O que hai que facer é unha carreira profesional atractiva, ofrecer rotacións, investigacións, salarios e condicións de estabilidade así como libranzas e outro tipo de mecanismos” destacou a deputada nacionalista.

Violencia obstétrica

A propia Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala que sexa entre un 10-15% os casos de cesárea . En Ourense é máis dun 25% este tipo de casos. “Tamén é violencia que se negue este tipo de atención ás mulleres nos hospitais de referencia” sinalou Presas. Esta situación súmaselle á situación xeral do Hospital de Verín: deficiencias en dermatoloxía, no bloque cirúrxico, atención do persoal de urxencias, o perigo de privatización da cociña do Hospital, etc.

Mobilización como resposta aos recortes

A deputada do BNG, Noa Presas, presentará a vindeira semana no Parlamento de Galiza unha iniciativa co gallo de que se respecte e blinde o catálogo co que naceu o Hospital de Verín, así como solicitar a rectificación nesta decisión do Partido Popular de suprimir servizos de atención. Asemade, animou, xunto co alcalde da Mezquita, a acudir á mobilización convocada, diante do Hospital de Verín , para reclamar unha sanidade pública o vindeiro sábado 30 de novembro ás cinco da tarde “para rodear o hospital de Verín e defender a sanidade de todas e todos” recalcou.

Presas denuncia a decisión unilateral do PP de pechar servizos no Hospital de Verín