Presas: “É a hora de reformular a estratexia turística e aproveitar as potencialidades e novas tendencias que se abren para Galiza tras a crise da COVID-19”

Encontro do BNG con guías turísticos
Encontro do BNG con guías turísticos
  • Noa Presas e Luis Bará, cabezas de lista de Ourense e Pontevedra, manteñen un encontro con APiT-Galicia e as delegacións
  • A organización nacionalista defende a profesionalización do sector e a coordinación de todas as administracións para superar a crise do coronavirus
Presas: “É a hora de reformular a estratexia turística e aproveitar as potencialidades e novas tendencias que se abren para Galiza tras a crise da COVID-19”

As cabezas de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, e por Pontevedra, Luis Bará, mantiveron un encontro por videoconferencia con representantes da Asociación Profesional de Guías de Turismo APiT-Galicia e das súas delegacións no resto de Galiza. As candidatas do BNG amosaron as súas propostas na materia ademais de destacar que é preciso adoptar medidas de choque para paliar a paralización “profunda e sostida” que se producirá nos vindeiros meses. Presas indicou que hai que traballar en estratexias de futuro para aproveitar o potencial existente.

A ducia de representantes de guías de turismo, de turismo activo, e de parques naturais trasladaron tanto Bará como a cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, as súas preocupacións e demandas ante a crise da COVID19 que lle afecta de maneira especialmente dura e dramática ao sector. Como principais conclusións do encontro puxéronse sobre a mesa a necesidade de medidas rápidas e directas para atenuar as consecuencias e a afectación que se prevé que dure todo o ano.  Vai ser un ano practicamente perdido, dixo Presas, que require axudas estatais e da administración galega: “Moitas destas persoas son autónomas e polo tanto deben ter axudas específicas para a súa problemática e a duración do impacto da crise”.

Para as nacionalistas é fundamental que “todas as administracións traballen unidas para relanzar o turismo de maneira diversificada, de calidade e aproveitando as novas tendencias que se abren”. Tamén se chegou á conclusión da necesidade de aproveitar o impacto no sector para analizar e desenvolver propostas e plans de futuro que permitan aproveitar os retos e potencialidades que ten Galiza no ámbito do turismo.

“É fundamental neste sentido que haxa unha interlocución directa por parte da Administración con todos os subsectores do turismo, que haxa unha profesionalización do sector e se combata tanto a competencia desleal como o intrusismo laboral que se practica ás veces polas propias administracións”. A candidata por Ourense destacou a importancia de traballar na desestacionalización para que haxa actividades turísticas repartidas entre todo o ano e de apostar por políticas que potencien e estimulen non só a cantidade de turistas, senón tamén a calidade, mediante campañas en ámbitos con capacidade de desenvolvemento como pode ser o turismo urbano, o relacionado co patrimonio cultural ou da natureza.

Propúxose na reunión a creación dunha mesa galega do turismo verde e de natureza para aproveitar toda a riqueza, calidade e atractivo que ten Galiza neste ámbito, unha iniciativa que xa se puxo en activo en Asturias “e que nos parece do máximo interese”, dixo Noa Presas.

Por último tamén se falou a necesidade de mellorar a xestión pública e de profesionalizar a administración pública, así como de que as administracións vaian a lóxicas de colaboración e non de competencia e creen ferramentas áxiles para responder a retos e novidades e cambios que se producen. “É preciso que se deseñen estratexias serias de futuro pensando que hai un grande potencial se podemos ver novas oportunidades e novas tendencias que se abren para Galiza no contexto actual, finalizou.

Presas: “É a hora de reformular a estratexia turística e aproveitar as potencialidades e novas tendencias que se abren para Galiza tras a crise da COVID-19”