Seara: “Onde antes vía (DO) pelotazos, agora ve oportunidades”

O BNG critica ao cogoberno municipal a aprobación do PXOM sen unha nova exposición pública e a acción unilateral sen contar coas veciñas

Seara: “Onde antes vía (DO) pelotazos, agora ve oportunidades”

O grupo municipal do BNG no Concello de Ourense criticou a finalización dos trámites do novo PXOM acordado por DO e PP e reivindica unha nova exposición pública do Plan. A formación nacionalista destacou que o PP introducira modificacións substanciais que obrigan a facela e sendo un elemento de tanta transcendencia as veciñas e veciños de Ourense ten o dereito a contribuír e a definir o modelo de Concello que desexan.

Ante o anuncio por parte do cogoberno municipal da finalización da tramitación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) non sorprendeu á organización nacionalista con representación no Concello de Ourense. Desde a toma de posesión o BNG ven alertando que o pacto entre DO e PP xurdiu para levar a cabo os pelotazos urbanísticos configurados polo PP na anterior lexislatura. “O PXOM foi e segue sendo a gran obsesión do PP. A súa relación cos especuladores do Concello non é nova e xa sabemos o que aconteceu co PXOM de Cabezas, anulado por múltiples sentenzas logo do cambiazo” sinalou o voceiro do BNG, Luis Seara.

A formación nacionalista lembrou que o propio partido Democracia Ourensana recorreu ante a xustiza a aprobación inicial en Xunta de Goberno do PXOM por parte do PP: “Ás agachadas e fuxindo do debate político que define cal é a intención desde goberno e ao servizo de quen está” cualificou Seara. Continuou explicando que DO reformulou o seu posicionamento despois do pacto da vergoña e “onde antes vía pelotazos agora ve oportunidades. Democracia Ourensana o foi o ariete ao servizo de determinados especuladores para derrubar o anterior goberno bipartido mentindo e denunciando”.

O voceiro do BNG, Luis Seara, sinalou que o actual alcalde da cidade continúa a xustificar a súa indecencia con mentiras acusando ao anterior goberno, antes de que o PP gobernase en minoría, de “dar pelotazos cando resulta totalmente falso: o caso das torres de COPASA á beira do río Miño estaban incluídas por culpa do PP de Cabezas”. O Plan aprobado inicialmente en 2013 recollía o PXOU de 1986 vixente que incluía unha ordenación provisional da Xunta de Galiza, legalmente non facelo suporía unha indemnización multimillonaria para o Concello.

Obra faraónica de Jácome: o rañaceos da finca Santamariña

“Do rañaceos, outra das teimas persoais do alcalde, porque dicir que ademais de ser un disparate é dificilmente críbel” sinalaron desde o BNG. O voceiro explicou que non pode ter encaixe na planificación urbanística dese ámbito en concreto e en todo caso “será a Xunta de Galiza a que terá que dar o visto e prace. Sorprenderíanos que o criterio fose aceptar esta proposta”.

Para a organización nacionalista, esta infraestrutura non deixa de ser un capricho de Jácome e unha das súas obras faraónicas. O BNG explicou que as necesidades da veciñanza teñen que estar por enriba dos caprichos dos representantes públicos ademais recordou o proxecto que presentou a formación nacionalista hai anos, froito do diálogo coas veciñas e veciños do barrio, de construír un complexo deportivo ante a falta de instalacións nesa zona do concello.

Participación cidadá ante o novo PXOM

A organización lembrou que no seu día o interventor emitira unha nota de reparo sinalando que, previo ao proceso de aprobación inicial do Partido Popular en Xunta de Goberno, se introduciran “modificacións substanciais” no documento o que obriga a facer unha nova exposición ao público. “O BNG ven demandando desde hai moitos anos que houbera unha nova exposición pública para que un elemento de tanta transcendencia para as veciñas e veciños puidesen contribuír e desenvolver o modelo de Concello que precisa e quere Ourense” concluíu o voceiro do BNG no municipio.

Seara: “Onde antes vía (DO) pelotazos, agora ve oportunidades”