Varela: “Solicitamos criterios obxectivos para os postos de traballo públicos e o reparto de fondos na Deputación”

O BNG criticou as políticas “clientelares e caciquís” do Partido Popular na Deputación de Ourense tras a cuarta sentenza xudicial que atopou irregularidades nos contratos

Varela: “Solicitamos criterios obxectivos para os postos de traballo públicos e o reparto de fondos na Deputación”

O grupo provincial do BNG en Ourense denunciou as políticas caciquís da Deputación de Ourense gobernada polo PP despois de coñecerse a última resolución xudicial. Tras catro sentenzas anulouse definitivamente o concurso irregular de ascensos e traslados. A formación nacionalista destacou que a política do PP ciméntase por “un reparto de fondos sen criterios obxectivos e concursos de acceso a postos de traballo público”.

O voceiro do BNG na Deputación Provincial de Ourense, Bernanrdo Varela, avaliou o goberno da institución provincial despois da cuarta resolución xudicial que anulaba o proceso de contratación de persoal fraudulento que convocara Baltar. Para a formación nacionalista non é máis que a continuidade das políticas públicas levadas a cabo polo Partido Popular na provincia de Ourense froito do legado de Baltar pai nos seus anos dirixindo a Deputación.

“Exiximos que se muden as políticas clientelares e caciquís que se veñen dando na Deputación de Ourense . Non é de recibo que sexan necesarias catro sentenzas xudiciais para que finalmente se execute a anulación dun concurso irregular de ascensos e traslados” sinalou o voceiro do BNG na Deputación, Bernardo Varela. Asemade, o deputado provincial destacou que a política do PP na institucións “está cimentada polo reparto de fondos sen criterios obxectivos e escuros concursos de acceso a postos de traballo público”.

Desde a organización nacionalista non solicitaron a inmediata dimisión do presidente da Deputación Provincial, senón que instaron ao goberno a corrixir esta maneira de facer política. Asemade, pedíronlle ao socio de goberno do PP, Democracia Ourensana, a que mostre agora o seu rexeitamento á maneira de xestionar de Baltar á fronte da Deputación “xa que tan combativos eran neste contexto hai menos dun ano”.

Por último, o voceiro provincial recalcou na fonda necesidade da resposta cidadá: “nas mans da cidadanía está mudar esta situación. Que aínda se torna moito máis inxusta nun entorno de crise como estamos a sufrir pola covid-19”. Concretou a mensaxe destacando que é a hora de ter “criterios obxectivos tanto no reparto de fondos como para a elección para os postos de traballo públicos”.

Varela: “Solicitamos criterios obxectivos para os postos de traballo públicos e o reparto de fondos na Deputación”