“Vexo desnortados aos deputados de En Marea/Podemos"

“Vexo desnortados aos deputados de En Marea/Podemos"

  • “Irán a Madrid a dicir o que diga Pablo Iglesias”, advertiu a candidata do BNG

“Estamos vendo desnortados aos deputados de Podemos no país mentres no Estado seus líderes xogan a ver quen é máis socialdemócrata ou quen se inspira máis en Zapatero”, advertiu Noa Presas, número un da candidatura ao Congreso do BNG por Ourense, ao remate dun acto esta mañá con emigrantes retornados. Abundando nas declaracións que a primeira hora fixo nunha emisora de radio, Presas explicou que “onte vimos en televisión a Fernán Vello, o candidato da Marea por Lugo, dicir que eles non teñen nada que ver co programa de Podemos. Non sei se lle explicaron a este home en que lista vai? Tamén soubemos que David Bruzos, o deputado por Ourense, non coñece todo o programa. Parece que estiveron tan ocupados de paripé en paripé que non estudaron o programa. E a día de hoxe non saben se son plurinacionalistas ou unionistas, de esquerdas ou socialdemócratas. Nestas circunstancia sabemos o que pasará: que irán a Madrid a dicir o que diga Pablo Iglesias”.

“E Galiza importa, tal e como están as cousas non estamos en situación de enviar a Madrid representantes despistados”, reflexionou Presas, que insistiu en que desde o BNG “traballamos para identificar os problemas e propoñer solucións, nós si traballamos todo este tempo, desde os concellos, desde as deputación... É preciso que en Madrid estean partidos como o BNG, que saiban quen son, a quen representa e cara onde queremos ir”.

“TODOS OS EMIGRANTES TEÑEN DEREITO A VOLVER Á TERRA E VIVIR NELA CUNHA PENSIÓN DIGNA”

A cabeza de lista do BNG na provincia participou, xunto á número tres ao Congreso, Raquel Vázquez, e a candidata ao Senado, Carme Bolaño, nunha xuntanza con emigrantes retornados en Ourense. Noa Presas dixo que “todos os emigrantes teñen dereito a volver á terra, e a vivir aquí con pensións dignas”. Recordou Presas que o BNG apoiou a loita dos retornados fronte ao espolio das súas pensión por parte do goberno español, e tamén que esixirá eliminar os copagos sanitarios introducidos polo PP que reducen inda máis a capacidade adquisitiva dos pensionistas. Presas insistiu en que os pensionistas da provincia de Ourense seguen a percibir as pensións máis baixas do Estado, cunha media de 656,90 euros, e recordou que o BNG se compromete a elevar esta cantidade até os 900 euros nos dous próximos anos. Ademais, dixo Presas, entre as “liñas vermellas” coas que o BNG afrontará calquera negociación para investir a un novo goberno en Madrid está a introdución dun ingreso mínimo vital para todas aquelas persoas sen ingresos.

“Vexo desnortados aos deputados de En Marea/Podemos"