A Xerencia do CHUOU falsea os datos das listas de espera

A Xerencia do CHUOU falsea os datos das listas de espera

Nun claro intento por maquear as listas de espera, a xerencia do CHUOU deu instruccións ao seu persoal para modificar datos coa finalidade de manipular estas listas. A práctica consiste en retrasar a “data idónea” dos volantes de consulta ou intervención para cuadrar as estatísticas dentro dos estándares propagandísticos do goberno galego. A deputada parlamentar, Tereixa Paz, denunciaba hoxe estes feitos e acusaba á xerente do CHUOU, Eloína Núñez, de ocultar a realidade e de tomar por tonta a cidadanía cando todas e todos sabemos o que tardan en darnos unha cita e as veces en que ésta é demorada cunha chamada de teléfono.

ROLDA SANIDADE

Para Tereixa Paz, ésta é unha consecuencia máis do deterioro da sanidade pública no noso país e moi especialmente na provincia de Ourense onde se está a producir, por primeira vez na historia, que haxa listas de agarda en Atención Primaria de maneira estructural. Os recortes en materia de persoal, a non subtitución de profesionais que se xubilan, a non reposición de baixas ou vacacións obrigan ás usuarias-os a acudir a urxencias por patoloxías que deberían ser tratadas nos centros de saúde. Nestas últimas semanas a media de espera para unha cita en Atención Primaria era de 6 ou 7 días.

Os sucesivos recortes en dotacións de medios humanos e materiais plasmáronse nas imaxes desoladoras que viviron as urxencias nestes días. Pacientes amoreados nos corredores esperando a ser atendidos ou ingresados e esperas de moitas horas co xustificado enfado dos enfermos-as e familiares.

As desculpas do presidente da Xunta non abondan para o BNG. Tereixa Paz pedía hoxe que Núñez Feijóo cesara á xerente do CHUOU por incompetente ao non ter previsto esta situación que se da todos os anos cos brotes de gripe pero que cada tempada se agrava máis polos recortes, humanos máis tamén materiais, como o peche das 72 camas do Hospital de Piñor.

O grupo parlamentar nacionalista presentaba a pasada semana unha proposición non de lei para elaborar unha auditoría da situación real das listas de espera coa participación das traballadoras-es e das organizacións profesionais e de usuarias-os. Tamén solicitan que de xeito inmediato se incremente o persoal dos servizos de urxencia hospitalaria para atender con calidade ás demandas existentes e realizar unha avaliación das necesidades de persoal que existen en atención primaria, especializada e hospitalaria para dar unha adecuada cobertura sanitaria á poboación.

En canto aos medios materiais, o BNG tamén pide analizar ás necesidades de camas para unha reordenación dos espazos actualmente pechados ou infrautilizados. Neste senso, Tereixa Paz, facía meción á planta pechada en Piñor, que non se está utilizando para a atención psiquiátrica, e que podería servir para o ingreso dos enfermos crónicos que andan tirados polos pasillos.

Ademais desta iniciativa parlamentar, o BNG tamén presentará en Ourense unha moción para que o goberno galego repoña os medios materiais e humanos necesarios para que non se degrade máis a sanidade pública. Susana García apuntaba as propostas xa levadas ao pleno ourensán -cirurxía pediátrica, subvención do 10% dos medicamentos dos doentes crónicos, situación das matronas- e denunciaba o deterioro nalgunhas especialidades de atención infantil, concretamente, neuroloxía, psiquiatría e cirurxía pediátrica, onde a falla de persoal retrasaba o diagnóstico e tratamento das nenas e nenos ourensáns.

A Xerencia do CHUOU falsea os datos das listas de espera