O BNG pide aos sindicatos que se manifesten en contra de que a policía local participe en despexos

O BNG pide aos sindicatos que se manifesten en contra de que a policía local participe en despexos

IMG_3430Logo do acontecido o martes 3 de marzo de 2015 no despexo dunha vivenda na Avenida das Caldas o BNG ven de solicitar a todos os sindicatos con representación no Concello de Ourense que se posicionen en contra de que a policía local participe en despexos, función que nen lle corresponde nen o Concello debe permitir que se realice.

Ximena González explica que 'queremos concellos rebeldes fronte aos ataques que estamos sufrindo por parte da presión económica sobre as familias e tamén traballador@s que se impliquen, como xa teñen feito corpos de bombeiros ou policiais doutras cidades do país'.

Ademáis o BNG ven de rexistrar un novo escrito dirixido ao Alcalde pedindo novas explicacións sobre a participación da policía local no despexo de onte posto que él é o responsábel máximo deste servizo. A concelleira Ximena González, en nome do grupo municipal do BNG, solicitou información sobre a participación da policía local neste tipo de procedementos, os protocolos que se siguen, quen e como toma as decisións e cales son as consecuencias de, cos poucos efectivos que hai, se destinen a realizar labores que non lles son propias.

Esta son as preguntas realizadas hoxe ao grupo de goberno:

- En relación ao despexo do martes 3 de marzo de 2015, foi a policía local requerida polo xulgado para a súa participación no despexo?

- Cando se recibiu o requerimento xudicial para que a policía local participase no despexo do martes 3 de marzo de 2015?

- Cal é a posición do grupo de goberno a respeito de que a policía local realice tarefas de policía xudicial?

- Cal é o protocolo que se segue cando se demandan da policía local tarefas de policía xudicial?

- Quen decide e en que momento os meios empregados para a intervención da policía local nestas tarefas?

- Como se cubren as funcións dos efectivos da policía local desprazados a realizar actuacións requeridas por outras administracións tendo en conta a notábel merma de plantilla nos últimos anos?

- Deixa de realizarse algunha tarefa municipal por parte da policía local cando esta é requerida para realizar outras funcións como a de policía xudicial?

- Existe un protocolo de actuación da policía local cando se realizan actuacións conxuntas con outras forzas de seguridade? Copia do protocolo.

E esta a carta enviada aos representantes sindicais:

A/A Sindicato de traballador@s SAP, CIG, UGT, CC.OO, USO, CSI-F, SPPME,

O pasado martes 3 de marzo de 2015 tivo lugar no barrio de A Ponte o desafiuzamento dunha familia no num 1 da Avenida das Caldas, durante esa intervención xudicial foron membros da policía local do Concello de Ourense quenes se encargaron de despexar aos manifestantes e de acceder á vivenda para o despexo e posterior cambio da pechadura da mesma.

O recrudecemento da acumulación de capital por parte das élites financeiras esta a impactar de forma directa e drástica na vida das galegas e galegos. Este proceso de acumulación que o sistema dá en chamar crise económica esta non só a eliminar dereitos sociais senón a empobrecer amplas capas da nosa sociedade empurrando a moitas familias aos límites da exclusión social, senón directamente á pobreza.

Neste contexto a sociedade responde organizándose para frear os ataques e crear redes de apoio que permitan facer fronte a tanta infamia. A Plataforma Stop Desafiuzamentos é un dos exemplos de resistencia en Galiza fronte ás políticas de especulación co dereito á vivenda de PP e PSOE. Evitar que as familias sexan expulsadas das súas vivendas sen que as institucións ofrezan alternativas dignas para a súa vida é unha tarefa que toda a sociedade debe partillar.

No Concello de Ourense o número de efectivos da policía local ten dimunído dos 151 do ano 2007 aos 123 de 2014 en 21 axentes provocando numerosas complicacións á hora de realizar as funcións que lles son propias, chegando en algún caso esta falta de efectivos a provocar a imposibilidade de realizar actividades ou de que estas se desenvolvan sen as garantías suficientes.

Por todo isto dende o BNG solicitamos á súa organización unha toma de posición pública contraria a que a policía local do Concello de Ourense participe en calquera tipo de actividade relacionada con desafiuzamentos, deixando esas tarefas en mans de outros corpos de seguridade e solicitando ao goberno do Concello de Ourense que en caso de ser requerida a súa participación xustifique adecuadamente a negativa a que as axentes da policía local participen de ditas accións.

Ourense, 4 de marzo de 2015

Grupo Municipal do BNG

Concello de Ourense