O BNG denuncia que a Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ourense “confirmou esta mañá o desmantelamento da maioría dos programas e servizos desta Área de Goberno”

Luís seara, Rhut Reza, Xosé Manuel Puga e Erea Blanco
Luís seara, Rhut Reza, Xosé Manuel Puga e Erea Blanco

Na Xunta de Área celebrada esta mañá, o Goberno Local confirmou que non hai ningún avance na adhesión ao programa da Xunta “xantar na casa”, que non se está a traballar na renovación do SAF, que expira en novembro, que se fecharán todas as UNIS, que se eliminarán as axudas ás entidades do terceiro sector por concorrencia competitiva e que non haberá programa de conciciación nos Centros Cívicos durante este verán

O BNG denuncia que a Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ourense “confirmou esta mañá o desmantelamento da maioría dos programas e servizos desta Área de Goberno”

Ourense, 16 de abril de 2024. Na Xunta de Área de Servizos Sociais celebrada esta mañá no Concello de Ourense e correspondente ao mes de abril, confirmáronse, segundo o BNG, “os peores pronósticos en relación a esta Área de Goberno e que por desgraza víñamos anunciando desde hai tempo”. Tal e como sinala a Concelleira nacionalista Rhut Reza, “á actitude desafiante do Goberno Local, temos que engadirlle a súa nula predisposición ao diálogo e o nulo interese polo Área que xestiona”.

É que tal e como se puido comprobar na reunión desta mañá, o Goberno afirma que non hai ningún tipo de avance na adhesión do Concello ao programa da Xunta de Galiza “xantar na casa”, logo de ter desmantelado o servizo municipal do comedor sobre rodas “polo que as previsións do Alcalde que de que en dous meses retomaríase o servizo é unha nova mentira”.

O BNG interesouse por coñecer os plans e os avances do Goberno para co Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e cuxa vixencia remata o próximo mes de novembro. “A Concelleira confirmou que non están traballando nesta cuestión polo que desde o BNG alertamos desde xa que con este servizo, que atende a máis de 500 persoas no concello, vai acontecer o mesmo que co servizo do comedor sobre rodas”.

Ao tempo, confirmouse que non haberá actividades de conciliación durante o verán nos Centros Cívicos da cidade, que se eliminarán as axudas ás entidades do terceiro sector por concorrencia competitiva e que desaparecerán todas as UNIS, feito que responde segundo argumentou o Goberno, “á reorganización do servizo”.

O Grupo municipal nacionalista entende que “a situación é dunha gravidade extrema. Temos un Goberno Local con nula sensibilidade e aprezo polas persoas máis vulnerábeis e necesidadas do concello ao tempo que fai deixación de funcións con competencias que lles guste ou non, son propias das entidades locais”. As nacionalistas conclúen preguntándose que á vista dos acontecementos ¿para qué queremos unha Concelleira de Servizos Sociais se non vai ter nada que xestionar?.

O BNG denuncia que a Concelleira de Servizos Sociais do Concello de Ourense “confirmou esta mañá o desmantelamento da maioría dos programas e servizos desta Área de Goberno”