BNG defenderá garantir a inclusión e a accesibilidade das persoas xordas

A formación nacionalista conta con poñer en marcha un conxunto de medidas destinadas a garantir os dereitos de todas as cidadás
BNG defenderá garantir a inclusión e a accesibilidade das persoas xordas

O grupo municipal do BNG no concello de Ourense presentou unha iniciativa para levar a cabo un conxunto de medidas destinadas a garantir a accesibilidade das persoas xordas. Entre os puntos, destaca a inclusión dunha praza de intérprete de signos na RPT da institución.

O voceiro do BNG, Luis Seara, afirmou que “as persoas afectadas por unha discapacidade auditiva constitúen un colectivo moi amplo na nosa cidade”. Sinalou tamén que esta diversidade funcional pode vir determinada por factores como: a idade de aparición da xordeira, o grao de perda de audición, o sistema educativo, o tratamento e inclusive a imaxe social recibidos, etc.

Afirmou que “non sempre poden acceder á información e á comunicación coa contorna” porque en moitas ocasións ou “non dispoñen de interpretes de signos ou ben porque non dispoñen dos recursos de apoio necesarios. Seara continuaba explicando que a igualdade real e a accesibilidade efectiva “non poden quedar no papel”.

Dende o Bloque Nacionalismo Galego queren esixirlle ao Concello que fagan un cumprimento efectivo da lei. “Esta moción insta ao goberno municipal a tomar medidas que dean resposta ás reiteradas peticións do colectivo” sinalou Seara. Continuou explicando que “estamos a falar dun colectivo vulnerable que precisa moito máis apoio municipal do que recibe” sinalando tamén as deficiencias do pasado mandato e do actual no tocante ás políticas sociais.

A iniciativa do BNG quere que se inclúa na RPT do Concello de Ourense unha praza de intérprete de signos para garantir a atención ao público destas persoas e cantas xestións foran precisas en relación ao colectivo. Asemade, instan a impulsar unha campaña institucional a prol de difundir unha imaxe positiva das linguas de signos e un convenio coa Asociación de Persoas Xordas de Ourense (APSOU) para dar estabilidade ao colectivo.

Chaman, dende a formación nacionalista, a que todas estas medidas recollidas sexan acordadas previamente coas entidades de persoas xordas da cidade, facendo efectiva a participación das mesmas en todo o proceso.