Imprimir

O BNG denuncia vertidos no Barbaña e aposta por levar a cabo medidas de protección do medio ambiente

bngourense | 23 de xullo de 2020

A formación nacionalista ve urxente levar a cabo un Plan Director no río Barbaña e o saneamento do mesmo despois de levar dous verquidos importantes no que vai de ano

O BNG ven de denunciar outro vertido no río Barbaña despois de coñecer que na tarde do 22 de xullo as augas do ríom á altura do Colexio Luis Vives, baixaran moi sucias. Así mesmo, criticaron que este tipo de accións eran frecuentes e no que vai de ano súmanse xa dous vertidos ao río co que supón a morte da fauna e flora ao paso do caudal. Porpoñen unha intervención por parte da administración para poder levar a cabo un saneamento do Barbaña.

Desde o BNG de Ourense denunciaron a situación despois de coñecer que o vertido se producira a través dunha tubería que sae do colector xeral á altura da pasarela do Colexio de Luis Vives no Concello de Barbadás. Un día despois desde ese mesmo punto e seguindo a dirección do río puideronse observar peixes mortos até pasado o parque do Polvorín. Case un quilómetro tivo como consecuencia esta catástrofe ecolóxica que se repite desde varios anos atrás.

No que vai de ano, foron dous os vertidos importantes que levaron consigo parte da flora e fauna do ecosistema do Barbaña. Desde a organización nacionalista lembraron o seu compromiso de apostar polo ciclo da auga e sanear os ríos de Ourense coa necesidade de coidar do medioambiente e lembraron que levan anos denunciando "reiteradamente esta situación e a falta de saneamento".

A organización nacionalista sinalou a necesidade de que, tanto Concello de Ourense como a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galiza, tomen as medidas correspondentes para que non se volva repetir esta situación e para sanear, dunha vez, o río Barbaña. Afirmaron que ante a emerxencia climática e o deterioro medioambiental é máis preciso reclamar as competencias e exercer políticas de protección do medio ambiente.

Vixiancia desde o Parlamento Europeo

Hai unhas semanas, visitaba o Concello de Ourense a voceira do BNG en Europa, Ana Miranda, e reivindicou a nova oportunidade que se abre cos fondos europeos en relación á protección do medio ambiente e de apoio á axenda sostíbel. Así mesmo, destacou a necesidade de que Ourense sexa quen de levar a cabo políticas que coiden do medio ambiente sinalando a multitude de posibilidade que o concello ten.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-denuncia-vertidos-barbana-aposta-levar-cabo-medidas-proteccion-do-medio-ambiente/20200723133653002565.html


© 2020 BNG de Ourense

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: [email protected]