A posta a disposición da UVigo de terreos para a ampliación do Campus e o soterramento da Avda Otero Pedrayo irán ao Pleno do Concello de Ourense deste venres da man do BNG

Erea Blanco, Concelleira do BNG no Concello de Ourense
Erea Blanco, Concelleira do BNG no Concello de Ourense

Desde o Grupo municipal nacionalista entenden que “o Campus de Ourense é unha oportunidade para o desenvolvemento económico, social e demográfico de Ourense polo que as distintas administracións, lideradas polo Concello, deben traballar da man en defensa de toda reivindicación encamiñada á mellora dos servizos públicos e das infraestruturas”

A posta a disposición da UVigo de terreos para a ampliación do Campus e o soterramento da Avda Otero Pedrayo irán ao Pleno do Concello de Ourense deste venres da man do BNG

Ourense, 03 de abril de 2024. O Grupo municipal do BNG porá o foco no Pleno que o Concello de Ourense ten previsto celebrar este venres día 5 e correspondente ao mes de abril, na necesidade de “levar a cabo todas as xestións e todos os trámites administrativos precisos e conducentes á posta a disposición da Universidade de Vigo dos terreos necesarios para a ampliación do Campus Universitario de Ourense, así como impulsar o soterramento do tráfico na Avda Otero Pedrayo co fin de permeabilizar o Campus e favorecer a mobilidade e a accesibilidade na zona”.

Segundo sinala a Concelleira nacionalista Erea Blanco, “pasaron xa 30 anos desde que a sociedade ourensá manifestara públicamente e a través de varias concentracións, a súa vontade de que Ourense non quedara atrás no mapa universitario galego e contara polo tanto cun Campus con titulacións que responderan ás demandas da sociedade do momento”.

Segundo o BNG, e así o reflicten na moción rexistrada, “contamos a día de hoxe cun Campus universitario totalmente consolidado e recoñecido a nivel galego, estatal e mesmo no ámbito internacional pero que adolece dunha serie de eivas que impiden a súa expansión e polo tanto o aumento da súa oferta formativa, alén doutras dificultades relativas á mobilidade, a accesibilidade e a permeabilidade do mesmo”.

Referido a esto último, as nacionalistas sinalan que “non é desdeñable que a día de hoxe exista un total consenso social e político á hora de considerar imperativo o soterramento parcial da Avda Otero Pedrayo, unha das vías de entrada e saída da cidade, que acumula unha das maiores densidades de tráfico e que secciona actualmente o Campus en dous polo que cómpre avanzar no proxecto de soterramento e o Concello debe lideralo”.

Mais outro dos principais problemas cos que se atopa o Campus para o seu crecemento é a falla de terreos nos que poder ampliar as instalacións e poder asentar novas titulacións. “Estamos diante dunha vella e recorrente demanda, a cal, adquiriu un maior protagonismo nas últimas datas, coincidindo co anuncio feito pola Xunta de Galiza de construir na zona a súa nova sede administrativa na que centralizar todos os departamentos e servizos do Goberno galego e que actualmente atópanse espallados ao longo de toda a cidade”.

Neste senso, desde o Grupo municipal do BNG consideran que o Concello de Ourense non pode permanecer alleo a esta realidade e ás demandas existentes por parte do Campus polo que debe implicarse activamente na procura de solucións e, neste caso concreto, na procura dos terreos precisos e na axilización da tramitación administrativa necesaria e conducente á citada ampliación para o cal solicitarán o apoio do resto de Grupos que conforman a Corporación municipal.

A posta a disposición da UVigo de terreos para a ampliación do Campus e o soterramento da Avda Otero Pedrayo irán ao Pleno do Concello de Ourense deste venres da man do BNG