O BNG denuncia a cesión irregular a terceiros da explotación da cafetería do Xardín Xaponés por parte do actual adxudicatario “incumprindo flagrantemente o contrato de concesión”
Desde o Grupo municipal do BNG denuncian que “da información e dos informes técnicos aos que tivemos acceso, despréndense irregulariedades e incumprimentos do contrato que mesmo chegan á cesión irregular a terceiros da explotación do establecemento”
Na formación nacionalista pregúntanse o motivo polo que o Goberno Local non soamente non actúa para velar polo comprimento do contrato asinado senón que “valida as irregulariedades cometidas polo adxudicatario”
Ourense, 02 de abril de 2024. Xa en agosto de 2020, cando o Concello de Ourense asinou o contrato de concesión para a explotación da cafetería sita na rúa Curros Enríquez, ao carón do xardín Xaponés e cuxa denominación pasou a ser a de “La Pajarera”, o Grupo municipal do BNG amosaba as súas dúbidas sobre a idoneidade do adxudicatario e as condicións do propio contrato. Adxudicatario que actualmente está detido e sobre o que pesan acusacións xudiciais moi graves.
Tal e como lembra o Portavoz municipal Luís Seara, “xa daquelas había dúbidas sobre a idoneidade do adxudicatario que agora parecen verse corroboradas”. Seara engade, ”neste momento temos unha instalación propiedade do Concello, concesionada e cuxo contrato non se está a cumprir, tal e como se desprende dos informes técnicos aos que tivemos acceso e nos que se especifica unha cesión irrregular a terceiros sen ter a previa autorización municipal, tal e como establece o contrato, o que supón un incumprimento flagrante do mesmo sen que por parte do Goberno Local se activasen os mecanismos sancionadores correspondentes”. Seara engade, “moito nos tememos que dita cesión a un terceiro sexa validada pola Xunta de Goberno Local a feitos consumados, algo que consideramos gravísimo”.
Desde a formación nacionalista lembran que foi precisamente como consecuencia dunha cesión irregular a un terceiro, o motivo polo que o Concello rescatou a concesión no ano 2018, “logo de que Jácome puxera entón o grito no ceo e acusara a todo o mundo de ser cómplice daquela situación. Pois ben, agora atopámonos nunha igual e o Alcalde nin di, nin fai absolutamente nada por solucionala, ¿por qué?”.
Outra das irregulariedades denunciada polo Grupo municipal do BNG e polos técnicos responsables do contrato ten que ver co feito de que “tal e como queda acreditado a través das inspeccións realizadas, o local estivo pechado desde o 22 de agosto até o 5 de setembro de 2023 o que tería provocado, tal e como se recolle no informe e no contrato, a apertura dun expediente sancionador por unha infracción grave. Que nos saibamos, non se fixo”.
Toda esta situación revela, segundo o BNG “a nefasta xestión do actual Goberno local con Jácome á fronte, quen lonxe de cumprir con todo aquilo que pregoaba estando na
Oposición, está sumindo ao Concello nun caos organizativo e éconómico sen precedentes. Gobernando para os seus propios intereses e aos dos seus achegados e a costa dos cartos de todas e todos os veciños de Ourense”.
Orzamentos, buses e bombeiros.
Preguntado polos xornalistas presentes na rolda, o Portavoz municipal do BNG Luís Seara, abordou outras cuestións relativas á actualidade municipal. No tocante á posta en servizo da nova liña 6 de buses, destacou que “o problema xorde cando se toma unha decisión illada, sen ten en conta ao conxunto pois a afectación que esta decisión está a ter no resto das liñas provoca o aumento dos tempos dos traxectos e polo tanto diminúe as frecuencias”. Seara incide en que “as cousas fixéronse mal desde o primeiro momento, mercáronse novos autobuses, de dubidosa calidade, sen ter definido o novo mapa de liñas e iso provoca os desaxustes e os problemas actuais”.
No relativo á falla de Orzamentos actualizados, desde o BNG lembran que non soamente o Concello non conta cuns Orzamentos actualizados senón que “sobre os que están en vigor, os de 2020, pesa unha sentenza que anula o capítulo I”, e engade, “esta situación está a xerar múltiples complicacións nun Concello que de non actualizar os orzamentos pode ver perigar a nómina de decembro”. Os nacionalistas amosáronse dispostos a dialogar e negociar co Goberno Local pero lembran que “a iniciativa ten que partir deles, que presenten un borrador, sentámonos se nos chaman e falamos aínda que danos a impresión que o PP voltará sair ao rescate de Jácome”.
Cuestionado sobre o proceso selectivo aberto para a cobertura de 8 prazas de bombeiro en calidade de interinos e as posíbeis dúbidas sobre o procedemento de selección seguido, Seara amosouse cauteloso á hora de emitir unha valoración, “pediremos acceso ao expediente para ver os informes da Asesoría Xurídica e do director de RRHH antes de facer calquera valoración”. En todo caso, desde o BNG inciden en que “o que se pretende facer é pór un mero parche, os problemas no Parque de Bombeiros son estruturais e como tales requiren de solucións duradeiras e de maior calado. Cómpre levar a cabo un proceso selectivo que permita cubrir todas as necesidades de persoal que hai actualmente”.
Comedor sobre rodas.
No relativo á situación creada polo Goberno Local ao suprimir o programa comedor sobre rodas e “deixar sen comer a persoas altamente vulnerábeis ao tempo que a Concelleira delegada ía de vacacións”, a Concelleira Rhut Reza sinalou que “pediremos a súa dimisión”.