MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN DA TOPONIMIA HISTÓRICA MEDIEVAL DA ZONA HISTÓRICA

MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN DA TOPONIMIA HISTÓRICA MEDIEVAL DA ZONA HISTÓRICA

A toponimia do rueiro da zona histórica dunha cidade ten tanta importancia para a preservación do seu carácter patrimonial como os seus elementos arquitectónicos. Os nomes das rúas e prazas da zona vella de Ourense son de orixe medieval e conserváronse, na súa meirande parte, desde o século XII até a metade do século XIX. Nomes como “Rúa da Obra”, “ Rúa do Pomar”, “ Rúa das Olas”, “Eiró do Sal”, “ Rúa dos Zapateiros”, “ Rúa de Cima de Vila”, “Vía Sagra”, “ Rúa da Laxiña”, “ Rúa da Fonte Arcada”, etc. refliten a orografía urbana, os cultivos, os gremios, a vida social e económica.

Por desgraza, e isto foi comentado por escritores e historiadores, a mediados do século XIX un afán uniformador impuxo os pomposos nomes de “Pizarro”, “Hernán Cortés”, “Juan de Austria”, “Gravina”, “Lepanto” e “San Quintín”, reivindicadores de supostas glorias imperiais que, xa naquel século, parecían antigas. Isto, ademais dalgún outro nome promovido polo réxime político instaturado en 1939 e superado pola Constitución vixente, nomes parellos aos que no centro da cidade se suprimiron, devolvéndolles ás rúas os seus primeiros nomes.

A recuperación da toponimia orixinaria da zona vella de Ourense é desexable como parte da recuperación da nosa historia urbana; é oportuna, porque tamén estamos tratando de recuperar, noutros aspectos, esa parte da cidade, e é posible porque existe unanimidade historiográfica na relación destes nomes, desde as documentadas obras de Anselmo López, Jesús de Juana e outros, até publicacións do propio Concello, como o rueiro oficial de 1991, no que se incluía nas páxinas 44 e 45 unha lista das principais correspondencias.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

Recuperar o acordo aprobado por unanimidade neste Pleno Municipal no ano 2000 sobre recuperación da toponimia medieval da zona histórica e continuar o cambio do rueiro pola designación das seguintes rúas:

Rúa Viriato por Rúa das Laxiñas

Rúa Pelaio por Rúa do Penso

Rúa Hernán Cortés por Rúa dos Brancos

Rúa Pizarro por Rúa Escura

Rúa Juan de Austria por Vía Sacra

Rúa Padilla por Rúa do Curral do Bispo

Rúa Gravina por Rúa Quebracús

Rúa Lepanto por Rúa da Obra

Rúa San Quintín por Rúa da Corredoira

Rúa de Bailén por Rúa do Pumar

Rúa 2 de maio por Rúa Travesa

Ourense, xuño de 2013

MOCIÓN PARA A RECUPERACIÓN DA TOPONIMIA HISTÓRICA MEDIEVAL DA ZONA HISTÓRICA