O BNG denuncia que PP e DO xa pactan un goberno para Ourense #impedilo #dependedenós
Esta mañá Susana García, candidata do BNG-Asembleas Abertas, denunciou que Jesús Vázquez e o Partido Popular xa pactan un posibel goberno con Democracia Ourensana para despois do 24M. A candidata nacionalista facía estas declaracións no acto sobre atención á dependencia realizado en Ourense.
Susana García expresou o que todo o mundo sabe en Ourense que o Partido Popular quere a toda costa chegar ao goberno para paralizar o PXOM e voltar á especulación e o control dos recursos públicos, mesmo a través de pactos con formacións políticas con nula base democrática cun candidato que se nomea a sí mesmo ignorando calquera proceso participativo e que di ter un 'programa oculto'. A nacionalista fixo tamén referencia a este programa oculto expresando que 'parece que ese programa oculto ao que se refire D.O é pór no goberno aos amigos dos construtores e aos que recortan servizos e secan as Burgas'.
O BNG-Asembleas Abertas, en palabras da número 1 da candidatura 'é a única alternativa que pode frear un goberno do Partido Popular, como o fixo nestes dous últimos mandatos, con máis forza e representación o BNG-Asembleas Abertas é a garantía de que non volva gobernar o PP e sabemos que depende de nós'.
Ourense, 20 de maio de 2015