Fronte ás agresións machistas, unha aposta firme polas mulleres na política
No BNG-Asembleas Abertas, as mulleres protagonizan a representación pública. Como apuntaba a candidata Noa Presas os feitos avalan a nosa aposta pola igualdade ao situar como cabezas de listas a duas mulleres en Ourense, unha europarlamentaria, duas deputadas no Congreso, catro deputadas no Parlamento Galego e varias candidatas nos primeiros postos das listas ás eleccións muncipais.
Porque as mulleres non estamos en política para cadrar números, estamos por méritos propios, con voz propia porque somos capaces de transformar a política. Con estas palabras iniciaba a deputada Carme Adán a súa intervención hoxe en Ourense onde viña falar das propostas do BNG-Asembleas Abertas mais os insultos proferidos onte por Gonzalo Jácome contra a candidata nacionalista Susana García empañaron o que debe ser unha campaña electoral -achegamento de propostas- para convertela nun discurso de violencia machistas contra todas as mulleres.
Afirmar que Susana García exerceu a prostitución nunha barra americana é insultar a todas as mulleres, tamén ás que exercen a prostitución, a maioría delas víctimas da violencia.
Pola súa banda, Susana García pedíulle a todas as mulleres que o día 24 pensaran ben o sentido do seu voto entre todas, temos que impedir que un misóxino teña representación no Concello de Ourense e tamén lle pregunto ao candidato do PP, Jesús Vázquez, si está disposto a formar goberno cunha persoa que insulta e exerce a violencia verbal contra as mulleres.
Máis que nunca son necesarias medidas que, dende as institucións, combatan as agresións que todos os días sufrimos as mulleres.
Neste senso, a concelleira Ximena González referíuse ao traballo desenvolto polo BNG ao longo dos últimos anos, reformando o edificio de Radio Eca e converténdoo no edificio do CIMM no Couto, un espazo íntegro para as políticas de igualdade. Foi tamén o BNG quen elaborou o II Plan de Equidade do Concello de Ourense e a súa ordenanza levando por primeira vez a todas as áreas de goberno políticas transversais. Tamén na oposición o BNG liderou a defensa dos dereitos das mulleres conseguindo unha campaña institucional en favor dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.
Ximena González sinalou que o reto inmediato en materia de equidade no Concello de Ourense é recuperar o protagonismo destas políticas e sentarnos a falar coa Xunta para pór os recursos necesarios para conseguir que a Casa de Acollida sexa de xestión pública e evitar que siga en mans de congregacións relixiosas.
Ourense, 22 de maio de 2015