Imprimir

O BNG pide respectar a vontade das urnas e frear as mocións de censura nos concellos ourensáns

bngourense | 30 de xullo de 2020

  • A Executiva Nacional do BNG mostra o apoio aos concellos de Castrelo de Miño e Viana do Bolo ante as inminentes mocións de censura nos municipios gobernados pola formación nacionalista
  • Noa Presas sinala o orgullo do BNG cos concellos referentes en levar a cabo políticas alternativas en contraposición ao sistema caciquil de Baltar

A dirección política do Bloque Nacionalista Galego mantivo unha reunión cos alcaldes e representantes municipais de Castrelo de Miño e Viana do Bolo para tratar as inminentes mocións de censura que se presentarán nos dous municipios. Membros da Executiva Nacional da formación nacionalista mostraron o seu apoio e cualificaron como “atentado democrático” no que participarán PP e PSOE despoxando das alcaldías aos representantes do BNG electos pola cidadanía para liderar un goberno nacionalista e de esquerdas.

O pasado ano nos comicios municipais de 2019, as veciñas de Castrelo de Miño e de Viana do Bolo escolleron como forza alternativa ao Partido Popular ao BNG. Esta organización sería a encargada de encabezar, por vontade veciñal, gobernos progresistas. Desde a Executiva Nacional representadas polo responsábel de organización, Bieito Lobeira, a responsábel nacional de acción municipal, Eva Vilaverde, e a representante do BNG, Noa Presas, sinalaron o “orgullo” destas dúas alcaldes que son referentes en canto a “políticas alternativas”  e reafírmanse no “traballo excepcional” que a organización nacionalista leva a cabo nos concellos onde goberna: “por iso, a día de hoxe, o nacionalismo galego representado no BNG é o inimigo a combater por parte do caciquismo de Baltar e do Partido Popular” sinalou Noa Presas, representante da Executiva do BNG.

Mais desde a formación nacionalista entenden que esta cuestión ven de lonxe e “PP e PSOE aproveitan que pasaron as eleccións galegas e estamos no verán para que esta cuestión pase desapercibida”. Presas afirmou que esta situación é máis grave acontecendo na circunscrición de Ourense onde as forzas progresistas se enfrontan a un caciquil encabezado por Baltar. Así mesmo, a representante do BNG reafirmouse na idea de que o PSOE de Ourense está avalando estas dúas operacións e personificou este aval na figura do secretario provincial do PSOE, Rafael Villarino, que publicamente manifesta a súa conformidade.

“Esta é unha cuestión de país na que o Partido Socialista ten que escoller se está de lado do caciquismo ou está de lado da democracia. Apelamos a que o PSOE tome cartas no asunto: sabemos que os concelleiros da formación progresista de Castrelo de Miño e Viana do Bolo non están expulsados e iso é indicativo da pouca vontade que ten por resolver esta cuestión” sinalou Presas Bergantiños durante a comparecencia.  “É inaceptábel esta situación, onde o Baltarismo perde peso elección tras elección, que o Partido Socialista lle vaia entregar directamente a Baltar o resultado de moitos veciños e veciñas que pensaron que ían actuar de diferente maneira”.

A Executiva Nacional do BNG sinalou que estas dúas inminentes mocións de censura aínda están a tempo de paralizarse e convidaron ao resto de formación, en concreto ao PSOE. “Ten que moverse e actuar ante esta cuestión” concluíu Presas.


En Viana do Bolo volvería o partido conservador despois de perder dúas veces as eleccións municipais coa pinza PP-PSOE

Pola súa banda, o alcalde do concello de Viana do Bolo, Secundino Fernández, lembrou que esta situación “ven de lonxe” desde o momento inicial da investidura cando o PSOE rexeitou os acordos de goberno establecidos pola organización nacionalista. “Non son capaces de asumir os resultados electorais e que o BNG sexa a alternativa ao Partido Popular. A nosa posición é moi clara” indicou afirmando que o voto do PSOE na moción de censura sería “unha traición ao electorado”.

“Vemos unha compra de vontades políticas. O PSOE ten que dar a cara e dicir publicamente se está de acordo coa moción de censura. Que non o fagan pola porta de atrás. Que lle digan ás veciñas e veciños coas siglas PSOE e PP que lle fan unha moción de censura ao BNG en Viana do Bolo” concluíu o alcalde do concello vianés


Castrelo de Miño: gobernando desde 2007 con políticas transformadoras e beneficiosas para a sociedade

O alcalde de Castrelo de Miño, Esteban Suárez, destacou a cooperación e a vontade de diálogo por parte da equipa de goberno no municipio e responsabilizou da parálise que sofre o PXOM á Xunta de Galiza, gobernada polo PP, “tendo dificultades para a súa aprobación”. Paralelamente, lembrou que o BNG foi a forza máis votada no concello liderando o goberno desde 2007 cando comezaron a lexislar.

“O PP de Ourense xoga coas necesidades e as ambicións das persoas tránsfugas do PSOE. A veciñanza de Castrelo de Miño non quere un goberno Frankenstein liderado por tránsfugas e mentireiros” afirmou Suárez. A moción de censura será debatida o vindeiro martes, 11 de agosto, na Casa do Concello de Castrelo de Miño onde a veciñanza tamén terá a palabra para exixir explicacións ante membros do PSOE cómplices das prácticas caciquís de Baltar e do PP de Ourense.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-pide-respectar-vontade-das-urnas-frear-mocions-censura-nos-concellos-ourensans/20200730130656002567.html


© 2020 BNG de Ourense

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: [email protected]