O BNG insta á Xunta de Galiza a atender as demandas da comunidade educativa do CEIP A Ponte e a constituír unha mesa de traballo para abordar os reforzos materiais e humanos necesarios

NOA PRESAS
Noa Presas, deputada do BNG por Ourense

A través da deputada Noa Presas, o BNG reclama no Parlamento galego “incorporar de forma inmediata unha persoa coidadora e unha persoa especialista en pedagoxía terapéutica máis ao cadro de persoal así como impulsar, para o curso 2024/2025 os reforzos materiais e humanos necesarios

O BNG insta á Xunta de Galiza a atender as demandas da comunidade educativa do CEIP A Ponte e a constituír unha mesa de traballo para abordar os reforzos materiais e humanos necesarios

Ourense, 14 de setembro de 2023. O curso 2023/2024 está a comezar nos colexios galegos co maior recorte de aulas e de supresión de profesorado dos últimos anos, que o sindicato maioritario do ensino cifra en até 60 unidades pechadas coa supresión de 89 mestras e mestres, sen contar outros corpos. Un dos CEIP afectados por esta situación é o CEIP A Ponte, no barrio máis poboado da terceira cidade de Galiza.

O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego a través da deputada Noa Presas, ven de presentar unha iniciativa na que lembran que “xa no mes de xullo a ANPA protestaba pola supresión de persoal de infantil malia o incremento de matriculacións e desde o centro demandábase á Xunta de Galiza recursos humanos e materiais suficientes e que non se suprimise unha aula, xa que iso repercutía na perda de dúas mestras e unha de apoio e repercutiría dunha rateo superior”.

Noa Presas denuncia que “lonxe de atender estas demandas, a Xunta de Galiza, continuou avanzando no recorte de persoal xa que no verán, sen preaviso e sen consenso, suprimiuse tamén unha praza de coidador ou coidadora”.

Así as cousas, iniciado o curso escolar, o CEIP atópase nunha situación límite para poder cubrir todas as súas necesidades. Presas alude ao “papel das e dos coidadores, que é fundamental para atender diversos tipos de necesidades no centro, desde alumnado con TEA ou TDH a alumnado con dificultades motrices”, e engade, “o centro soporta unha sobrecarga neste momento para atender ao alumnado con necesidades específicas pois os postos cupertos de especialista en Pedagoxía Terapéutica non son suficientes para poder atender as diferentes situacións”.

Desde a formación nacionalista lembran tamén que no caso dos mestres e mestras, o noso país sofre xa desde hai 13 anos, “recortes constantes que repercuten na sobrecarga no seu horario lectivo, xa que no ano 2010 pasaron de 21 a 25 sesións lectivas, e que sofren tamén unha crecente burocracia”.

Noa Presas advirte que “a educación pública é un dereito que debe ser garantido por parte da administración, e para que ese dereito sexa efectivo é preciso que os centros teñan unha dotación suficiente de persoal, algo que ademais é fundamental nas idades máis temperás, onde a detección de dificultades na fala, na escrita ou nos procesos de ensino - aprendizaxe son claves para unha intervención personalizada que garanta o avance do alumno ou alumna”.

Por estes motivos e ante as demandar realizadas nos últimos tempos polo CEIP A Ponte, desde o BNG reclámanlle ao Executivo galego “que atenda as demandas da comunidade educativa do CEIP A Ponte incorporando de forma inmediata para o curso 2023/2024 unha persoa coidadora e unha persoa especialista en pedagoxía terapéutica máis ao cadro de persoal”.

Ao tempo, solicitan Impulsar, para o curso 2024 - 2025, “os reforzos materiais e humanos necesarios co obxectivo de rebaixar as rateo de alumnado e mellorar a calidade do proceso de ensino - aprendizaxe, valorando alternativas como recuperar a liña de infantil suprimida e impulsar máis desdobres en primaria”.

O BNG insta á Xunta de Galiza a atender as demandas da comunidade educativa do CEIP A Ponte e a constituír unha mesa de traballo para abordar os reforzos materiais e humanos necesarios