Moción para que Ourense se declare cidade libre de circos con animais

Moción para que Ourense se declare cidade libre de circos con animais

A medida que as sociedades maduran e constrúen ferramentas para a mellora das condicións de vida máis sectores sociais van adquirindo dereitos. Porén non é así no caso dos animais, que vítimas dunha ética da natureza productivista, ven como as súas condicións de vida dependen da utilidade que teñan para os seres humanos.

No caso dos circos con animais esta ética da natureza que pon as persoas como centro das políticas ambientais fai que as condicións de vida dos animais estean ao servizo do divertimento das persoas e aínda que os espectáculos de circo non sexan aparentemente violentos, na realidade para os animais son unha condena a cadea perpetua e traballos forzados, convertendo as súas vidas nunha tortura, dentro e fóra do escenario.

Os animais que os circos empregan para os seus espectáculos pasan a maior parte do tempo das súas vidas pechados en gaiolas, incluso encadeados para que non tenten fuxir. Completamente afastados do seu hábitat natural, deben adaptarse, forzados, ao ritmo itinerante das xiras. Este ritmo de vida supón un grave estrés que trae consecuencias para a súa saúde e desenvolvemento, algo ao que non sempre son quen de adaptarse. Este tipo de vida, que impide desenvolver con normalidade o seu comportamento, provócalles un gran sufrimento físico e psicolóxico que xera transtornos e comportamentos perigosos.

Os animais son obrigados a aprender comportamentos alleos a eles, e son sometidos nestes procesos de aprendizaxe á privación de auga e alimentos e, decote, recórrese á violencia para corrixir o seu comportamento. Alçen disto moitos dos animais salvaxes mostrados nos circos teñen como orixe as mafias e o tráfico de animais, que actualmente é o segundo máis importante a nivel global.

Mas aínda se estes comportamentos non se dan, cómpre mudar a relación que mantemos coa natureza, redefinir a nosa relación con ela e comezar a construír unha nova ética que deixe de situar os animais ao servizo das nosas necesidades. Non se pode manter un animal en catividade, sometelo a traslados continuos que lle impidan vivir nun medio adecuado e pretender a súa reeducación para empregalo como divertimento social.

En países como Canadá, Suecia, Dinamarca, Bolivia, Austria, Perú e Grecia a lei contempla explicitamente a prohibición de animais nos circos. En cidades como Bos Aires e São Paulo contemplan a prohibición nas súas ordenanzas municipais.

En Galiza, concellos como Ares, Teo, A Pobra de Brollón, Cangas, Dodro, Vedra, Viveiro, Betanzos ou Vigo xa apostaron por non permitir os circos con animais. Ourense é, ademais, unha cidade historicamente ligada ao circo de acrobacia, coñecemos a tradición do circo, respectámola e valorámola coa importancia que ten. Tamén por iso as veciñas e veciños de Ourense saben que o atractivo do circo non deben ser os animais en cativerio e que hai alternativas sen explotación e sen maltrato que poden ofertar mellores experiencias artísticas e de ocio na nosa cidade.

Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO

- Declarar Ourense cidade libre de circos con animais e elaborar a normativa necesaria para que, coa maior brevidade posíbel, non podan realizarse no Concello de Ourense espectáculos con animais en catividade.

Ourense, abril de 2013

Moción para que Ourense se declare cidade libre de circos con animais