O BNG demanda medidas urxentes para a protección do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés

Imaxe do interior do Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés.
Imaxe do interior do Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés.

Para os nacionalistas urxe a adoción de medidas encamiñadas á preservación e posta en valor do Parque, abandonado pola administración e asolado polos lumes forestais

O BNG demanda medidas urxentes para a protección do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés

Ourense, 24 de outubro de 2020. O Grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego e a través dunha Proposición non de Lei, reclámalle á Xunta de Galiza a adoción de medidas para a protección do Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés, polo seu valor natural, orográfico, paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico.

Na mesma, o BNG lembra que a importancia do Parque é tal, que mesmo no ano 2004 foi incluído na rede Natura 2000. Ademáis, o Parque conta coa protección propia da declaración de Lugar de Interese Comunitario, Zona de Especial Interese para as aves, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ou mesmo coa de ser Reserva da Biosfera, recoñecemento feito pola UNESCO no ano 2009.

Pois ben, pese a todo o anterior, o Grupo Parlamentar do BNG, pon de manifesto que segundo datos oficiais, no ano 2012, o Parque, que abrangue na actualidade unhas 29.345 hectáreas, sufriu 2.200 lumes forestais. Lumes que co paso dos anos e debido ao abandono progresivo do Parque, aumentaron non soamente en número senon en virulencia, polo que os danos ocasionados e a superficie queimada increméntase notablemente cada ano que pasa.

Non esquencen tampouco os nacionalista que mesmo neste ano 2020 houbo dúas vítimas mortais mentres traballaban en labores aereas de extinción.

Para o BNG resulta inconcebíbel que pese a extraordinaria importancia natural, ecolóxica etnográfica e social do Parque Natural, sendo mesmo motor económico para unha zona altamente deprimida do país, lonxe de espertar o interese da Xunta de Galiza polo seu mantemento e pola súa posta en valor, o que xera é o desleixo e o abandono por parte da mesma, ao non existir un Plan de Usos e Xestión que regule as limitacións de usos, que estableza medidas de conservación e protección ou mesmo que estableza un programa de acccións a realizar e o investimento preciso para elo. O deterioro das rutas sendeiristas, das tarefas de mantemento do patrimonio etnográfico e arqueolóxico do seu interior son boa proba disto.

Porén, o que máis chama a atención, a ollos do BNG, e que pese a ser pasto do lume ano tras ano, o Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés, non conta cun Plan Especial de defensa contra o lume, non estando nin tan sequera en servizo a base aérea existente no propio Parque.

O Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés é patrimonio natural, paisaxístico, etnográfico e mesmo económico, cuxa preservación futura require da urxente implicación das Administracións Públicas, tanto de ámbito nacional como estatal, así como a coordinación coas institucións de Portugal.

Precisa dun constante diálogo coas comunidades de montes, propietarias de grande parte dos terreos que integran o Parque, e primeiras interesadas na súa conservación e coidado.

Por todo o exposto con anterioridade, desde o Grupo Parlamentar do BNG presentan unha Proposición Non de Lei para que o pleno da cámara galega tome conciencia e sobre todo, para que inste ao goberno da Xunta de Galiza a:

1º) Aprobación dun Plan de Usos e Xestión do Parque Natural Baixa Limia -Serra do Xurés-, que, entre outros extremos, contemple unha programación de accións a realizar e os investimentos económicos que permitan a súa execución.

2º) A aprobación dun Plan Especial de Defensa contra Incendios para o Parque Natural Baixa Limia -Serra do Xurés.

3º) Realización unha avaliación pormenorizada do impacto que os incendios dos últimos anos produciron na flora e na fauna autóctona, así como das medidas a adoptar para a súa conservación.

4º) Xestionar a elaboración por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil un Plan de restauración hidrolóxico-forestal que sirva para evitar ou reducir a contaminación das augas como consecuencias dos recentes incendios, como a mellor rexeneración da flora e fauna do Parque.

O BNG demanda medidas urxentes para a protección do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés