O BNG pedirá en pleno o cambio de usos da Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas e a súa integración no CEIP As Mercedes
O Grupo Municipal no Concello de Ourense lembra que, a falla de espazos no CEIP As Mercedes lastra a actividade docente, ao tempo que pon en risco servizos e actividades básicas, xerando gran inquedanza dentro de toda a comunidade educativa do centro
Ourense, 28 de Outubro de 2020. No pleno do vindeiro día 6 de novembro, debatirase a moción impulsada polo Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, e a cal, pretende solventar as deficiencias e os problemas de espazo existentes no CEIP As Mercedes, situación que preocupa, e moito, a toda a comunidade educativa do centro.
Nunha comparecencia pública diante dos medios ás portas da Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, os concelleiros Luis Seara e Rhut Reza lembraron que "estamos ante o único colexio público do centro de Ourense e cuio número de matriculacións aumentou exponencialmente nos últimos anos grazas, en boa medida, ao traballo feito pola ANPA na prestación de servizos tan importantes para a conciliación da vida familiar e laboral como é o comedor, o plan madruga e mesmo as actividades extraescolares".
A concelleira Rhut Reza lembrou que "A falla de espazos no centro é unha constante desde fai moitos anos". Durante todo este tempo e con carácter anual, a Xunta de Galiza, a través da sinatura dun convenio coa ANPA facilitaba certos espazos da Residencia Xuvenil, situada dentro do mesmo complexo. Segundo afirman desde o BNG, "esas cesións de espazos fóronse reducindo paulatinamente ata chegar á situación límite deste curso 20-21".
A situación de pandemia na que nos atopamos, contribuiron a visualizar este problema, converténdose o CEIP As Mercedes nun dos centros con maior incidencia en canto a contaxios por Covid-19 se refire.
Para os nacionalistas, e segundo afirmou Reza, "é preciso dar unha solución definitiva para que o centro conte cunhas instalacións suficientes que permitan o normal desenvolvemento tanto das actividades lectivas como daqueles outros servizos que actualmente se prestan en precario".
A proposta do Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense pasa por que a Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, que forma parte do mesmo complexo, cambie de uso e se transforme en centro educativo para poder integrarse no propio CEIP das Mercerdes. Para o Grupo Municipal do BNG esta decisión "permitiría dotar ao CEIP de instalacións suficientes para o traballo diario e mesmo permitiría aumentar tanto a oferta educativa como do resto de servizos e actividades que presta".
Ao mesmo tempo, desde o BNG propoñen que a Xunta de Galiza rehabilite un dos múltiples edificios existentes ao longo do centro histórico e o transforme nunha nova residencia xuvenil que permita que Ourense non se quede sin este servizo e que ao tempo, dinamice social e económicamente esta zona da cidade.
Así o proporán ao pleno da corporación na sesión ordinaria do mes de novembro, agardando contar co respaldo maioritario da mesma.