O BNG presentará iniciativas en todas as institucións contra o incremendo dos abusos bancarios e o peche masivo de oficinas e despedimentos

Rhut Reza e Noa Presas durante a rolda de prensa

Segundo denuncian desde a formación nacionalista, o peche de oficinas e a redución de persoal, merman un servizo vital para moitas veciñas e veciños

Ante o inminente peche da oficina de ABANCA na rúa San Rosendo, o BNG solicita a convocatoria urxente da Xunta de Portavoces do Concello de Ourense

O BNG presentará iniciativas en todas as institucións contra o incremendo dos abusos bancarios e o peche masivo de oficinas e despedimentos

Ourense, 15 de marzo de 2021. Esta mañá, compareceron ante os medios de comunicación a deputada Noa Presas e a concelleira Rhut Reza para denunciar os plans de peche de oficinas bancarias na cidade de Ourense por parte de varias entidades bancarias con presenza no concello, e que ten o seu útimo exemplo, no peche inminente da oficina que ABANCA ten na rúa San Rosendo, no barrio da Ponte, o cal, xa motivou mobilizacións e queixas por parte dos veciños o pasado venres.

Para as nacionalistas, concretamente tal e como manifestou Noa Presas, "estamos diante dunha cuestión que sempre preocupou ao BNG e que vimos denunciando nos últimos anos".

Segundo Presas, "durante a última década vimos como se agravaba o proceso de concentración e centralización bancaria, con graves consecuencias para Galiza. Ademais do rescate bancario con fondos públicos, que aínda non se recuperou, vimos a perda das caixas galegas e de músculo financeiro no país, co golpe definitivo no 2017 cando o Santander compra os restos do Popular Pastor polo ridículo prezo dun euro".

Para a deputada nacionalista por Ourense, "nesta nova crise estamos asistindo a unha nova fase de fusións. Esta vía é alentada tanto polo Banco de España como polo  BCE, o que amosa o fracaso do anterior rescate, ao tempo que vemos como se está a agravar a situación de perda de calidade de servizos, de emprego e de agravamento da exclusión financeira".

Para o BNG, a situación de Galiza é especialmente complexa xa que a día de hoxe ten uns índices de concentración superiores á media estatal e europea e as entidades aproveitan isto para pactar condicións certamente abusivas, como poden ser o incremento das comisións, o horario de caixa, "é xa imposible pasar diante dunha sucursal sen ver enormes colas que non se explican pola limitación de aforo senón polo abuso na prestación de servizos e a falta de persoal", ou a obrigatoriedade de ser clientes dixitais, sen ter en conta as serias dificultades da xente maior a poder acceder ás novas tecnoloxías.

A todo o anterior, segundo afirmou Presas durante a súa comparecencia, debemos engadir novos ERES en marcha, o que provocan "menos emprego e máis precario". "No 2008 había en Galiza 14.600 persoas empregadas na banca, no comezo da pandemia había 8.500, só o ERE do Santander, que está en execución, vai supoñer pechar 79 oficinas en Galiza e a destrución de 370 empregos".

Situación en Ourense

Noa Presas quixo facer fincapé tamén na situación concreta de Ourense, alertando que, lonxe do que puidera parecer, "Xa non é un problema só do rural, tamén da terceira cidade de Galiza". lembrou os últimos peches levados a cabo e a consecuente perda de servizos por parte da veciñanza.

"No barrio do Couto, segundo barrio máis poboado da cidade, 23.000 habitantes, pecharon pola covid unha oficina e logo outra, dúas de dúas. 0 oficinas. Que non fará o Santander nos concellos de menos desta poboación?. No barrio da Ponte, o máis poboado, máis de 27.000 persoas. Durante a primeira parte da pandemia, dúas entidades abertas, agora unha".

Presas concluiu con rotundidade, "Esta grave situación fai necesaria unha ampla resposta social e política, non é tolerable a inacción da Xunta e do Concello de Ourense".

Xunta de portavoces urxente ante o peche da oficina ABANCA da rúa San Rosendo

Pola súa banda, a concelleira nacionalista no Concello de Ourense Rhut Reza anunciou que o BNG ven de rexistrar unha solucitude para que de maneira urxente se convoque unha Xunta de Portavoces para que "todos os grupos nos posicionemos sobre a decisión de ABANCA de pechar a oficina da rúa San Rosendo e sobre todo para pedirlle ao alcalde, compromiso e valentía para defender a permanencia desta oficina e polo tanto compromiso e valentía para defender os intereses de Ourense e da súa veciñanza que se manifestou o pasado venres ás portas da propia oficina.

Rhut Reza pídelle ao alcalde que "exerza as súas responsabilidades e esixa a ABANCA o mantemento da oficina da rúa San Rosendo, e queremos que o faga canto antes xa que a previsión é que esta oficina, deixe de prestar servizo este mesmo mércores 17 de marzo".

mobilización veciñal na rúa San Rosendo 12.03.21

O BNG presentará iniciativas en todas as institucións contra o incremendo dos abusos bancarios e o peche masivo de oficinas e despedimentos