O BNG denuncia continuas avarías e a escasa capacidade dos “busitos” mercados polo Concello
Desde a formación nacionalista afirman que na mañá deste mércores 27 de marzo, até un total de 4 “busitos”, tiveron que ser substituídos en medio do servizo por “avarías varias”
Ourense, 27 de marzo de 2024. O Grupo municipal do BNG afirma estar recibindo constantes queixas referidas as avarías constantes e a escasa capacidade dos denominados “busitos” e da marza Isuzu, e postos en marcha hai uns meses polo Concello. Segundo o Portavoz municipal da formación nacionalista Luís Seara, “as queixas en relación a estes vehículos son diarias e constantes”.
E é que a escasa capacidade dos mesmos, o que está orixinando que en determinadas liñas a saturación e o exceso de viaxeiros nos mesmos, “hai que engadirlle a mala calidade dos vehículos, xa non soamente con acabados máis que cuestionables, o que xa ten provocado incidentes coa caída de chapas interiores senón porque están a sufrir avarías constantes de tipo eléctrico, problemas coa apertura e co peche das portas e mesmo con vehículos que quedan parados”.
Seara relata que “na mañá deste mércores 27 de marzo, até un total de catro busitos tiveron que ser substituídos no medio do servizo por outros por sufrir varias avarías o que causa un grave prexuízo ás e aos usuarios que ven como aumentan os tempos de agarda e dos traxectos co que iso conleva en moitos dos casos alén da escasa capacidade, o que provoca que nalgunhas das liñas haxa persoas que teñen que agardar ao seguinte por falta de espazo”.
Desde o BNG sinalan que pedirán explicacións ao Goberno Local diante duns vehículos “que desde logo non están a cumprir nin coa súa función nin coas mínimas garantías para o seu uso. Pediremos información sobre cantas avarías se levan producido desde a súa entrada en funcinamento, o motivo das mesmas e que solucións vai adoptar o Goberno diante desta constante logo de ter anunciado a bombo e prato a súa entrada en servizo”.