Os orzamentos da Xunta para 2021 son "absolutamente decepcionantes para Ourense" segundo denuncia o BNG

Luis Seara, Noa Presas e Iago Tabarés 28.12.20
Luis Seara, Noa Presas e Iago Tabarés en rolda de prensa.

Así de contundentes se amosaron tanto a deputada Noa Presas como o deputado Iago Tabáres ao analizar polo muído as contas do executivo galego, contas que unha vez máis desde que Feijóo é presidente, volven marxinar a Ourense

Os orzamentos da Xunta para 2021 son "absolutamente decepcionantes para Ourense" segundo denuncia o BNG

Ourense, 28 de decembro de 2020. Esta mañá compareceron ante os medios a deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés, ambos parlamentarios no Parlamento de Galiza acompañados dos concelleiros do BNG no Concello de Ourense Luis Seara e Rhut Reza para avaliar os orzamentos da Xunta de Galiza para 2021, e concretamente as partidas adicadas a Ourense.

O primeiro en intervir foi o deputado Iago Tabarés quen afirmou que os orzamentos da Xunta para o 2021 non respostan as necesidades do país, motivo polo cal "as emendas do BNG pretenden establecer un modelo alternativo ao modelo do PP". Para incidir en que "esta situación de pandemia o que puxo de manifesto é a situación que xa estabamos a vivir con anterioridade á crise sanitaria e que veu simplemente a agravar a situación dos servizos públicos".

Para Tabarés, "as emendas do bloque pasan en primeiro lugar por reforzar o sistema sanitario público, atendendo prioritariamente á atención primaria, xa que non soamente é a porta de entrada ao sistema senón tamén a porta de saída e a de seguimento". "É preciso reforzalo ampliando os servizos e mesmo contando cun plan de saúde mental pois moitos advirten, esta patoloxía pode converterse na cuarta onda da pandemia".

Outro dos aspectos importantes para o deputado Tabarés é a necesidade de "intervir nos sectores máis afectados pola crise orixinada pola COVID-19 como é a hostalería, comercio ou lecer nocturno", para incidir, "esta situación de pandemia obriga en todo o país e tamén en Ourense a establecer plans específicos de apoio e valorización do comercio de proximidade. De por en valor e dignificar os nosos produtos e mercados de proximidade".

"Neste contexto son necesarios tamén plans de vivenda, tanto de rehabilitación nos centros históricos como de dar a oportunidade de acceso á vivenda aos sectores da sociedade máis castigados e afectados pola crise, nomeadamente as vítimas de violencia sobre a muller, ou mesmo por desgraza, a mocidade".

Traballar na reindustrialización e en evitar o peche de ciclos produtivos tamén é outro dos obxectivo das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta, concretamente segundo Iago Tabarés, "falamos de plans para os ciclos produtivos de 30 millóns de euros, de crear unha empresa enerxética galega ou un grupo lácteo galego e que os nacionalistas orzamentamos en 11 millóns de euros".

A valorización do medio rural é outro dos eixos fundamentais para o BNG e que ten especial incidencia en Ourense. " É preciso apostar polo que se denomina smart rural, é dicir, alta tecnoloxía para que vivir no rural non implique unha perda de servizos e comunicacións en relación con outras zonas do país".

Para finalizar a súa intervención, Iago Tabarés non quixo esquecerse do "Pacto Local de 2006. Os concellos que tiveron que sufrir gastos excepcionais derivados da pandemia, tendo que asumir custes que non lles corresponde e que a Xunta non asume". Finalmente e ante as primeiras vacinacións, o deputado por Ourense aboga por "apostar pola investigación, o desenvolvemento e a innovación en colaboración coas universidades", e que o BNG cuantifica na súa emenda en 27 millóns de euros.

Do mesmo xeito afirma que "nestes orzamentos da Xunta o turismo de Galiza é o Xacobeo, de 112 millóns de euros, 87 están reservados a este evento, polo que existe un reducionismo do turismo, que ten importancia para o BNG, pero tendo claro que non todo en Galiza e non todo en Ourense é Xacobeo".

En segundo lugar, tomou a palabra a deputada Noa Presas quen comezou a súa intervención afirmando que estamos ante uns orzamentos da Xunta de Galiza "absolutamente decepcionantes, pois parece que ignoran de principio a fin que estamos nun contexto de pandemia" para incidir, "a crise do coronavirus veu para cambiar as nosas vidas e estes orzamentos son repetitivos e non ofrecen ningunha alternativa de futuro ante unha crise económica na que xa estamos inmersas".

Para presas é especialmente grave que estes orzamentos "que van ser os únicos expansivos da lexislatura, que teñen recursos extraordinarios por mor da COVID-19 non contemplan ningunha cuestión específica para Ourense e que sexa determinante". Para Noa Presas "Ourense continúa unha vez máis a ser castigado".

O Baltarismo e o PP son responsables a ollos da deputada nacionalista, de manter a Jácome na alcaldía e de "manter o bloqueo ao tempo que non son capaces de traer para Ourense nestes orzamentos, ausencias permanentes ao longo do tempo nin tampouco ningún proxecto novo".

Noa Presas desgranou o contido da batería de emendas que desde o BNG de Ourense se presentaron aos orzamentos da Xunta para o 2021, as cales suman uns 12 millóns de euros específicos para a cidade, e as cales pretenden segundo Presas "blindar a sanidade, impulsar a economía e cubrir as débedas históricas que hai coa nosa cidade".

Nese contexto, a Noa Presas sorpréndelle que non haxa partida para infraestructuras tan importantes como son a intermodal, para que "se corrixa na medida do posible o proxecto actual, proxecto que ningúen en Ourense respalda salvo o PP". "É preciso reorientar todo o relacionado sobre todo coa seguridade viaria nunha zona moi conflictiva".

Para Presas "non é aceptable que a día de hoxe toda Galiza conte con transporte metropolitano e coas vantaxes que conleva e que Ourense siga quedando atrás por culpa da ineptitude do PP e do goberno local". Neste senso, o BNG compromete unha serie de partidas para que o estudantado non teña que asumir os custes do transporte ou para impulsar un verdadeiro plan comarcal de Ourense e a súa contorna que sexa ambicioso e "resolva todos estes problemas de mobilidade".

Dentro tamén do capítulo de infraestructuras, Noa Presas referiuse as obras executadas na Avda Otero Pedrayo que non solventaron a fractura existente entre os dous campus e que se limitou a "construir unha rotonda máis". O BNG segue insistindo e non renuncia ao soterramento desta vía.

 Segundo a deputada no Pazo do Hórreo parece incrible que en pleno século XXI "desde o grupo municipal do BNG teñamos que seguir demandando cuestións tan básicas como son completar a rede de saneamento tanto en Palmés como en Velle". O que da mostra "do abandono do PP para con Ourense".

"Estes orzamentos teñen que impulsar a economía e os servizos públicos. Estes orzamentos incrementan as partidas de ensino e sanidade pero por debaixo da media". Cuestión inaceptábel para o BNG.

Presas volveu lembrar a necesidade do cambio de usos da residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas e a súa integración no CEIP As Mercedes que garanta a supervivencia do propio centro, para o cal desde o BNG presentan partidas específicas.

Onde máis incidiu a deputada Noa Presas foi na desatención da sanidade nestes orzamentos da Xunta. "a atención primaria non é prioritaria para a Xunta e a proba é que a única proposta que levan, sen consenso ademáis é unha reforma do Nóvoa Santos para convertilo presuntamente nun supercentro de atención primaria", o malo segundo Presas é que "xa sabemos en que acaba iso cando está en mans do PP e a proba evidente témola no centro de saúde do Couto, con goteiras apenas 5 anos logo de ser inaugurado".

Non quixo esquecerse a nacionalista da necesidade de construir os tan demandados centros de saúde do Vinteún e de Mariñamansa, como tampouco da necesidade de que Ourense conte con unidades para o tratamento do ICTUS, de xerontoloxía ou de endiometrose, dentro dun "hospital de primeira, tan necesario nunha provincia tan avellentada". Ao que habería que engadir o reforzo de persoal en outras unidades como pode ser a de radioloxía.

No referido a política social, Presas denuncia que "un ano máis non se aposta por construir unha nova escola infantil en Ourense, en 11 anos do PP non se construiu ningunha". Do mesmo xeito incidiu na necesidade de que o novo centro CAPD sexa de xestión 100% pública.

Os orzamentos da Xunta para 2021 son "absolutamente decepcionantes para Ourense" segundo denuncia o BNG