O BNG lamenta que o ano 2020, marcado pola COVID-19, sexa de novo un ano perdido para Ourense

LUIS SEARA E RHUT REZA CONCELLEIROS DO BNG
LUIS SEARA E RHUT REZA CONCELLEIROS DO BNG

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense valora negativamente o ano 2020 a nivel municipal pois diante dunha grave crise económica e social, o Concello de Ourense está sumido noutra institucional, o que lle impide liderar a recuperación tan necesaria nestes momentos

O BNG lamenta que o ano 2020, marcado pola COVID-19, sexa de novo un ano perdido para Ourense

Ourense, 31 de decembro de 2020. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, fai balanzo do ano 2020 que está a piques de rematar. Ano marcado claramente pola pandemia orixinada pola COVID-19, pandemia que está a cambiar os nosos hábitos de vida, o xeito no que nos relacionamos, como consumimos, como viaxamos, etc, e cuxas consecuencias a nivel económico e social xa se deixan sentir no noso concello.

Un concello que para os nacionalistas, lonxe de ser a locomotora que tanto precisamos neste momento para paliar as graves consecuencias da citada crise, está sumido noutra de carácter institucional, que o limita e impide que desde o goberno local se lidere a tan necesaria recuperación, e é que como lembran desde o BNG, por moito que se diga, o goberno da terceira cidade do país, non se pode gobernar con tres concelleiros.

Estamos ante un 2020 no que o goberno saltou polos aires, primeiro coa saída dos díscolos de DO e logo, coa saída do PP do mesmo. Un concello que paga tarde e mal, un concello que non xestiona en tempo e forma e que non executa a tempo proxectos financiados por outras administracións, como por exemplo no caso da praza de abastos, o que obriga a ter que pagalos con cargo a fondos propios.

Un 2020, que segundo o BNG, caracterizouse por non renovar ningunha das concesións que continúan en precario, coas nefastas consecuencias que iso conleva, falamos do sistema semafórico, da xestión da auga, da limpeza de centros educativos, do transporte público onde ademáis temos neste momento un conflicto laboral no que os traballadores reivindican rematar coa precariedade do servizo e onde o goberno local mira cara outro lado e permanece ausente.

Un ano, no que non se executou nin un só proxecto transformador e no que de novo, tanto a Xunta de Galiza como o Goberno do Estado esquecen as necesidades de Ourense. Nada se sabe dos centros de saúde do barrio do Vinteún ou de Mariñamansa, do tan cacarexado ecobarrio da Ponte, das infraestructuras viarias que conectan Ourense con outras provincias, dunha intermodal que sexa de verdade intermodal e non o que hai proxectado. Un ano no que os principais sectores de actividade do concello están en risco e onde centos de mozos teñen que seguir emigrando para poder forxar un futuro que aquí se lles nega.

Pese a todo, desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, queren transmitirlle esperanzas á cidadanía de que é posíbel mudar as cousas e de que en Ourense non temos por qué resignarnos a que nada mude e a que sigamos ano tras ano en clara decadencia. Ourense precisa duha alternativa que conte cun proxecto claro de cidade, e non con ocorrencias. Que teña identificados os problemas e os retos de futuro. E que sobre todo que teña ilusión, gañas e compromiso por cambiar as cousas e facer que Ourense recupere o pulso.

Os nacionalistas, insisten en que seguirán traballando nunha alternativa real e rigorosa para o Concello de Ourense, e que o farán como ate agora, exercendo unha oposición responsábel, constructiva e pondo o foco nos problemas reais da veciñanza. Afirman que seguirán tentando ser a correa de transmisión das inquedanzas das veciñas e dos veciños trasladándoas ao concello.

O BNG lamenta que o ano 2020, marcado pola COVID-19, sexa de novo un ano perdido para Ourense