[ PO MZ ] O BNG saca adiante dúas mocións pola igualdade real de mulleres e homes

[ PO MZ ] O BNG saca adiante dúas mocións pola igualdade real de mulleres e homes

O Bloque Nacionalista Galego sacou adiante dúas das 3 mocións presentadas no Pleno do 1 de marzo a través das cales o Concello adquire compromisos para pór en marcha o desenvolvemento da Ordenanza de Equidade e para dotar á Concelleríad e Igualdade de personal e recursos material para facelo. A moción na que o BNG pedía que se mantivese o proxecto da Casa da Maxia para o que só restaba un investimento de 130.000€ recibiu o voto contrario do resto de grupos.

Estes foron os temas a debate e as posicións defendidas polo BNG:

Aprobación inicial da ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no Fogar.

O BNG denunciou na súa intervención as políticas miserábeis do Partido Popular en materia de servizos sociais que, co decreto 99/2012 deixa sen capacidade de prestar o servizo de axuda no fogar a todos os concellos de menos de 22.000 habitantes e que obriga, no Concello de Ourense, a que as usuarias, xa de por sí en dificuldades económicas, aumenten a cantidade que destinan ao copagamento do servizo.

A aprobación inicial da ordenanza saiu adiante cos votos favorábeis de BNG, PSOE e DO, coa abstención do PP

Aprobación definitiva do regulamento de réxime interior do albergue municipal de transeúntes.

O BNG reiterou o seu apoio a este regulamento municipal.

A aprobación definitiva do regulamento saiau adiante cos votos favorábeis de BNG, PSOE e DO, coa abstención do PP.

Renovación dos membros para o Consello Escolar Municipal de Ourense.

O BNG defendeu a necesidade de que este órgano consultivo teña unha maior operatividade e, no actual contexto de ataque ao ensino público, sirva como espazo de reivindicación e defensa dun ensino público, galego e de calidade.

A renovación dos membros saiu adiante cos votos de BNG e PSOE. En contra votaron PP e DO.

Moción de DO sobre publicación do estado dos orzamentos na páxina web do Concello.

O BNG presentou unha emenda á moción de DO modificando o acordo no sentido de non obrigar ao Concello a implementar unha aplicación específica para a publicación da información e deixando a criterio [email protected][email protected] correspondentes avaliar cal é a mellor maneira para levar a cabo esta publicación sen que iso signifique adicar recursos materiais e humanos que o Concello necesita para outros servizos públicos.

O BNG reiterou a súa aposta pola transparencia e lembrou aos grupos da corporación que sendo a transparencia unha prioridade, é aínda máis importante basear a acción política na honestidade e na participación, ferramenta imprescindíbel para unha transparencia real na acción de goberno.

A moción co texto redactado na emenda do BNG foi aprobada por unanimidade por todos os grupos polítios.

Afectadas polas preferentes e subordinadas.

Antes da votación da moción de DO afectadas polas preferentes e subordinadas que asistían como público ao pleno municipal tomaron a palabra para denunciar a situación que están vivindo e o roubo dos aforros de toda unha vida das pequenas aforradoras estafadas. Sinalaron a súa preocupación pola quita que se prevé en marzo lembrando que non se cumpliron as promesas que lles fixo o PP e que non todas as afectadas foron chamadas a arbitraxe. Antes de abandonar o pleno pediron aos representantes do PP actuar ou dimitir. @s [email protected] do BNG fixeron chegar ás afectadas a súa solidariedade e disposición a colaborar en canto sexa preciso para que recuperen o seu diñeiro.

Moción do PP para a convocatoria de Xunta de Portavoces cando se produzan casos derivados de actuacións xudiciais.

O BNG pediu que a Xunta de Portavoces se reúna para desbloquear o estado no que se atopa o concello. Que se fale dos problemas que producen as inquedanzas da cidadanía e se busquen solucións para os veciños e veciñas que se quedan sin vivenda, para aqueles aos que lles foron roubados os aforros ou para concretar políticas de emprego ante o incremento de desempregadas na cidade. En definitiva, que a Xunta de Portavoces se convoque para temas de relevancia e non pa saír na foto cando o Partido Popular acampa na porta da alcaldía. Neste sentido falaba a emenda presentada polo GM do BNG.

A emenda foi aprobada cos votos favorábeis de BNG e PSOE, en contra de PP e DO.

A moción foi aprobada coa nova redacción coa mesma votación.

Moción do PP instando ao alcalde para presentar os orzamentos 2013 para o seu debate.

O BNG reclamou ao PSOE, como xa fixera no mes de xaneiro, a presentación do borrador dos orzamentos 2013 para o seu debate. Lembrou a portavoz do BNG que gobernando todas as áreas o PSOE xa non ten a coartada de gobernar co BNG e, como o BNG xa expresou en anos anteriores, a excusa do retraso non se pode derivar a ninguén máis que ao goberno socialista.

O BNG presentou unha emenda para eliminar do acordo da moción a valoración do PP responsabilizando da parálise económica de Ourense aos orzamentos municipais, obviando as políticas económicas de Xunta e Estado que están a contribuír enormemente a esta paralización económica: falta de concreción na chegada do AVE, nulo investimento no Plan Termal, política laboral de destrución de emprego, nula dinamización económica da Deputación, etc.

A emenda do BNG foi aprobada cos votos favorábeis de BNG e PSOE, en contra do PP e abstención de DO.

A moción coa redacción tal e como a deixa a emenda do BNG foi aprobada coa mesma votación.

Moción do PP sobre as asistencias técnicas do Concello.

O BNG denunciou a dobre moral do PP que mantén asistencias técnicas en todas as institucións que goberna mentres reclama que desaparezan no Concello de Ourense. Pero foi na regularización dos postos de traballo estructurais hoxe cubertos por asistencias técnicas onde o BNG puxo o centro do debate. Na proposta de emenda presentada, o BNG fixo a proposta de instar a que as administracións que teñen capacidade para lexislar (galega e estatal) garantan que a tendencia xeral sexa a eliminar estas formas de contratación, sacando a concurso público os postos de traballo que se consideren indispensábeis para a realización dos servizos. Mantivo o BNG na emenda os puntos nos que remitia á legalidade vixente para aqueles servizos coxunturais que deban ser prestados ás administracións públicas.

A emenda do BNG foi aprobada cos votos favorábeis de BNG e PSOE, en contra do PP e abstención de DO.

A moción coa redacción tal e como a deixa a emenda do BNG non foi aprobada e só recibou os votos favorábeis do BNG.

Moción do BNG sobre a Casa da Maxia.

O BNG presentou unha moción para que o Concello de Ourense dé o paso final para a posta en marcha do proxecto da Casa da Maxia: asignar os 130.000€ xa orzamentados para o contido do edificio. Sinalou o Portavoz Municipal do BNG que se o BNG tivo dificuldades para pór en marcha este proxecto non foron só cuestións administrativas e tivo moito a ver coas dificuldades de partillar goberno con socios non sempre leais.

A través do debate o BNG puxo de manifesto que todo o proceso de rehabilitación tiña como finalidade que o proxecto acabase na apertura dunha Casa da Maxia en Ourense e que esta renuncia do goberno socialista e a súa proposta de transformar o edificio nun anexo do Centro Cívico supón perder a derradeira oportunidade de ter este edificio singular no centro histórico da cidade.

Só o BNG votou a favor de darlle unha oportunidade ao proxecto inicial e abrir a Casa da Maxia.

Moción do BNG a prol das políticas de igualdade

O BNG levou ao pleno do Concello de Ourense unha proposta para instar ao goberno da Xunta de Galiza a garantir uns orzamentos suficientes para a Inserción laboral de mulleres novas, Plans de atención a víctimas de violencia de xénero e a Casa de Acollida de Ourense nun contexto social no que as mulleres son máis vulnerábeis fronte á crise.

A concelleira do BNG denunciou as políticas de recortes do PP en materia de igualdade e o Plan de Igualdade que o PP está a presentar estes días no que se vende a mentira de máis de 200 millóns de euros de investimentos en dous anos cando no primeiro, os orzamentos de 2013, invistense apenas 12 millóns.

A moción foi aprobada cos votos favorabeis de BNG, PSOE e 1 membro de DO, o voto en contra do PP e a abstención doutro membro de DO.

Moción do BNG para impulsar as políticas de igualdade no Concello de Ourense

Nesta moción o BNG centrou as propostas en materia de igualdade no Concello, solicitando o desenvolvemento da Ordenanza de Equidade que o PSOE non publicou ata febreiro de 2013, pasando máis dun ano e unha concelleira de igualdade polo goberno sen que tivesen realizado avance algún en políticas de igualdade.

Ao desenvolvemento desta ordenanza mediante a posta en funcionamento da Unidade de Seguimento do Plan de Equidade, o BNG sumou a petición de dotar de máis recursos económicos e de persoal tanto a Concellería de Igualdade como o CIMM para garantir a atención das vítimas de violencia machista e facer deste centro de información un espazo de referencia para a loita das mulleres pola igualdade.

A moción foi aprobada cos votos favorábeis de BNG, PP e 1 membro de DO, o voto en contra do PSOE e a abstención doutro membro de DO.

Rogos e Preguntas:

1. A primeira pregunta foi en relación á moción aprobada polo pleno en xaneiro relativa ao cambio das Tarxetas milenio do servizo municipal de transportes, en concreto sobre canto tempo máis ían ter que agardar as desempregadas e desempregrados de Ourense para poder facer uso de este servizo de xeito gratuíto, tal e como se aprobara no pleno.

2. A segunda cuestión foi relativa a outro acordo plenario que instaba á Xunta a permitir que os centros educativos públicos abriran as súas portas fora do horario escolar para que os veciños e veciñas puderan empregar as súas instalacións

3. En vista da actitude do goberno socialista a terceira pregunta foi máis directa e clara. ¿Para que sirven as mocións aprobadas no Pleno do Concello de Ourense, se logo non se levan a cabo os acordos?

4. Cantas inspeccións de antenas de telefonía móbil instaladas sen licenza en baixos comerciais se estan realizando ao mes? Cantas denuncias se tramitan?

5. Por que un Concello que se rexe pola lei das grandes cidades non ten unha persoa que se responsabilice do Servizo Eléctrico en, en cambio, danse instrucións para que sexan os arquitectos e aparelladores os que informen sobre os proxectos eléctricos como se fai en Amoeiro, Baltar ou “El BOllo”, como se di nunha circular de Urbanismo?

6. Quen vai asumir a responsabilidade se hai algún incidente cunha instalación tendo en conta os milleiros de puntos de luz que hai no concello? Por que non se cobre a xefatura do Servizo Eléctrico se hai traballadoras neste concello que

reúnen os requisitos? Ou é que se pretende recorrer reiteradamente ás asistencias técnicas tamén nesta área?

7. O BNG voltou preguntar pola Comisión Especial, no marco do Pacto Cívico, que se aprobou convocar en sesión plenaria e da que, tras varias preguntas a través do rexistro, o BNG segue sen ter noticia.

Para ver os plenos en directo ou os videos dos pasados plenos: http://www.livestream.com/tvourense

[ PO MZ ] O BNG saca adiante dúas mocións pola igualdade real de mulleres e homes