A situación do abastecemento de auga potable no Concello de A Merca, chega ao Parlamento da man do BNG

O Grupo Parlamentar esixe solucións reais e efectivas para solventar un problema enquistado no tempo e cunha gran afectación na veciñanza. Por elo pide a implicación directa da Xunta de Galiza

A situación do abastecemento de auga potable no Concello de A Merca, chega ao Parlamento da man do BNG

Ourense, 22  de outubro de 2020. O Grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego pediralle explicacións sobre a potabilidade da auga no conxunto do Concello de A Merca á Xunta de Galiza a través de diversas preguntas para resposta oral así como solicitará do goberno galego unha maior implicación para tentar solventar o problema canto antes.

Tal e como manifestan desde o BNG, hai anos que os veciños e veciñas de A Merca veñen sufrindo severas restricións no consumo de auga domiciliaria. Unhas restriccións que Inicialmente eran de carácter temporal, pero que co paso do tempo e concretamente desde  maio de 2020 son de carácter permanente.

Así, desde o mes de maio, a veciñanza de A Merca, carece do servizo municipal de auga potable coa que poder beber ou cociñar, xa que segundo os resultados das analíticas realizadas, na auga do servizo municipal, existe unha concentración de trihalometanos que constitúe un risco para o consumo humano.

Ante esta grave situación, a cal, afecta a un dos servizos básico que debe prestar a administración, a única solución aportada polas autoridades foi a distribución de auga embotellada entre a poboación. Medida que debera ser de carácter excepcional pero que leva visos de converterse en permanente.

A todo iso, destacan desde o Grupo Parlamentar do BNG, non está tampouco certificado que as augas das distintas fontes públicas distribuídas ao longo do municipio sexan aptas para o consumo humano, xa que non existe constancia da súa potabilidade. Este feito constitúe un perigo para a veciñanza, que vese na necesidade de buscar alternativas polos seus propios medios.

Sumado ao anterior, hai que engadir que mesmo o pasado mes de xullo, constatouse a presenza de substancias herbicidas nos terreos nos que se ubica un dos depósitos municipais da rede de abastecemento. Para o BNG, esto constitúe un novo risco para a saúde da veciñanza, máxime cando o estado de conservación dos mesmos non é o máis idóneo.

Por último, outro dos aspectos que denuncian desde a formación nacionalista é que pese a que as veciñas e veciños de A Merca non dispoñen de auga potable nas billas das súas vivendas apta para o consumo e polo tanto non poden facer uso deste servizo básico, as autoridades  seguen a esixirlles o pagamento do canon da auga, mesmo en contía moi superior á de exercicios anteriores.

A veciñanza do Concello de A Merca non só está a pagar por un servizo que non recibe, senón que para colmo, nos últimos meses, e co servizo xa interrumpido, subiuse o importe do recibo.

Por todo elo, desde o BNG no Pazo do Hórreo, preguntarán á Xunta de Galiza polas analíticas realizadas e os resultados das mesmas. Os motivos polos que existe tan elevada concentración de trihalometanos na rede de abastecemento. Cales son as actuacións que desde o goberno autonómico se ten previsto poñer en marcha para solventalo problema, así como reclamar que a propia Xunta, devolva parcial ou totalmente o canon da auga cobrado aos veciños nos últimos tempos.

É preciso atopar a orixe da contaminación e adoptar as medidas correctoras precisas para que, inciden unha vez máis desde o BNG, a veciñanza de A Merca poida facer un uso normal de algo tan básico como é empregar a auga que emana da billa.

A situación do abastecemento de auga potable no Concello de A Merca, chega ao Parlamento da man do BNG