Pedimos que Ourense se sume aos concellos que rexeitan o copago de medicamentos

Pedimos que Ourense se sume aos concellos que rexeitan o copago de medicamentos

O imposto á enfermidade que o goberno español aprobou no pasado mes de setembro co copagamento de medicamentos a persoas doentes crónicas, é unha lousa máis na economía de moitas familias que vén como o custo da vida se lles fai cada vez máis costa arriba.

Neste senso, o BNG xa iniciou unha loita institucional para que na Galiza o goberno non aplique esta resolución porque é un novo roubo que forma parte dunha estratexia deseñada polo Partido Popular para facer caixa a costa das persoas máis desfavorecidas, ao igual que acontece cos emigrantes retornados, as persoas que adquiriron preferentes e subordinadas, pensionistas e a clase traballadora en xeral. Xa acordaron rexeitar este copago os concellos nacinalistas de Ribadeo, Monforte, Riotorto, San Sadurniño, Allariz, A Pobra do Brollón, Mondoñedo, Vimianzo, Tomiño e Zas.

Grupo Municipal BNG

Nesta campaña para paralizar a entrada en vigor do copagamento de fármacos hospitalarios, o grupo municipal do nacionalista presenta, no pleno de novembro, unha moción pedindo o apoio da corporación para que se inste á Xunta a que demande a derrogación da resolución do 10 de setembro de 2013, do goberno do Estado, pola que se estabelece este novo copagamento. Para isto, o Concello de Ourense elaborará unha ordenanza a través da cal se subvencioen o 10% dos gastos dos medicamentos das veciñas e veciños de Ourense doentes crónicos non hospitalizados e que nos orzamentos para o 2014 se consigne unha partida orzamantaria para dotar de finanzamento a aplicación desta ordenanza.

O BNG confía en que todos os grupos políticos apoien esta proposta porque estamos a falar de persoas pacientes, na maioría dos casos polimedicadas, para as cales este novo repago supón unha carga moi importante na súa economía, persoas que xa non son quen de chegar a fin de mes e outras que nin comenzan o mes. Estase a falar de 42 medicamentos de dispensación hospitalaria a enfermos con doenzas moi graves que terán que pagar, a partir de xaneiro do 2014, segundo anunciou o presidente Núñez Feijóo, o 10% desta medicación.

Pedimos que Ourense se sume aos concellos que rexeitan o copago de medicamentos