O BNG amósase contrario ao traslado do CIMM ao entender que “non estamos diante dun Servizo municipal máis”

Rhtu Reza, Erea Blanco e Luís Seara
Rhtu Reza, Erea Blanco e Luís Seara

O Grupo municipal nacionalista considera a decisión “un paso atrás pois abandónase un edificio no que se garante a intimidade e a confidencialidade das mulleres vítimas de violencia machista”

Para o BNG, os argumentos esgrimidos polo Goberno Jácome son “unha escusa de mal pagador. Veñen de gastar máis de 300.000 euros na celebración do Entroido, un evento que se celebra durante cinco días e agora choran por investir en saúde e seguridade preto de 200.000”

O BNG amósase contrario ao traslado do CIMM ao entender que “non estamos diante dun Servizo municipal máis”

Ourense, 16 de maio de 2024. As sospeitas que o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense tiña desde hai semanas a respecto dos plans do actual Goberno Local para coa actual sede na que se ubica o CIMM na rúa do Ensino, tiveron a súa confirmación na Xunta de Área de Administración Xeral celebrada este mesmo martes e na que o Concelleiro Antonio Fernández confirmou que non se ía realizar ningun investimento no mesmo, ao redor de 200.000 euros, para erradicar a presenza do gas radón pois o edificio non é do Concello, optando polo traslado do Servizo á Praza de San Martiño e abandonando polo tanto o edificio.

Nunha rolda de prensa convocada este mesmo xoves, desde o BNG quixeron aclarar algunhas cuestións relativas tanto o propio edificio en sí como a necesidade de permanencia do CIMM no mesmo. A Concelleira Rhut Reza, afirma que “efectivamente o edificio no é do Concello, foi cedido por unha Fundación a través dun contrato de comodato, segundo consta en documento notarial de 15 de abril de 2010, é dicir hai 14 anos, por un prazo de 30 anos e para unha finalidade concreta”, e engade, “para que o edificio cumplira dita finalidade, encargouse un proxecto de rehabilitación adxudicado por 492.000 euros”.

Reza afirma que “o Concelleiro ten razón cando dí que as traballadoras e traballadores, que botan moitas horas ao día, non poden estar sometidos ás emisións de radón, pero por esa mesma razón, e tendo en conta que hai presenza de radón en moitas dependencias municipais, nalgún caso, con cifras que superan ás do edificio da rúa do Ensino, neses casos non se pecharon as dependencias. O lóxico é que se busque un emprazamento temporal, en tanto en canto non se soluciona o problema”.

Para o BNG os argumentos esgrimidos polo Goberno Local e baeados no elevado custe das obras, en torno aos 200.000 euros, “tampouco nos valen por varias razóns. A primeira delas porque o edificio que se está a ocupar non é un edificio calquera, ese edificio foi rehabilitado para esa finalidade concreta, cumprindo unha serie de premisas. É un espazo que permite a intimidade e a confidencialidade das mulleres que até alí se achegan”.

É un espazo confortable, pensando no benestar das mulleres e ao que aínda lle queda máis da metade do tempo polo que foi cedido e ademais, non ten custo para o Concello máis alá dos gastos básicos”.

Para Rhut Reza, “escudarse en que hai que gastar 200.000 euros parece unha escusa de mal pagador. O Goberno Local ven de gastar máis de 300.000 euros na celebración do Entroido, un evento que se celebra durante cinco días ao ano e no que non choraron o gasto”.

Isto revela, segundo afirman desde o BNG, “o que levamos dicindo durante tanto tempo. Estamos diante dun Goberno que non ten a máis mínima empatía coas mulleres, singularmente coas mulleres vítimas que sofren violencia machista, das mulleres en risco de vulnerabilidade, o único que lle preocupa é a festa”.

Pola súa banda a Concelleira Erea Blanco trasladou varias preguntas que agarda, reciban resposta por parte do Executivo Local. “o que nos preguntamos desde o BNG é que vai pasar co mobiliario que hai alí, mobiliario no que se investiron 60 mil euros de diñeiro público?, que vai acontecer coa Biblioteca de igualdade, que atesoura un volumen de libros moi importante?, que van facer cos xoguetes que hai no espazo Coeduca, para onde os van levar?, renuncia o Goberno Local aos 7.000 euros que temos concedido a través do pacto de Estado para Igualdade, para adquisición de mobiliario?”.

Finalmente, Blanco dirixiuse directamente ás Concelleiras de Democracia Ourensana a quenes interpelou, “teñen algo que dicir as mulleres do Goberno Local a este respecto?. Consideran a Concelleira Tamara, a Concelleira Noa e a Concelleira Ana que privar ás mulleres, especialmente as máis vulnerables, dun espazo creado específicamente para elas, é o correto?”.

Moción Plenaria.

Finalmente desde o Grupo municipal do BNG adiantaron que nos vindeiros días rexistrarán unha moción para ser incluída na orde do día do Pleno ordinario do mes de xuño e previsto para o venres día 7, no que porán o acento na necesidade de manter o CIMM na súa ubicación actual, instando ao Goberno local a adoptar todas as medidas encamiñadas a mellorar os índices de gas radón, executando “todas e cantas obras sexan necesarias á maior brevidade posible”.

DSC_0121
Un momento da rolda de prensa do Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense
O BNG amósase contrario ao traslado do CIMM ao entender que “non estamos diante dun Servizo municipal máis”