O BNG interésase no Parlamento galego polos avances no proxecto avalado pola Xunta de plantar 10.000 árbores no Concello de Ourense

Iago Tabarés, deputado do BNG
Iago Tabarés, deputado do BNG

Desde a formación nacionalista lembran que esta foi unha das escasas iniciativas que o Alcalde trasladou ao Presidente da Xunta e que este manifestou a súa conformidade coa proposta, considerando que mesmo podería ser unha “experiencia piloto” a estender a outras cidades de Galiza

O BNG interésase no Parlamento galego polos avances no proxecto avalado pola Xunta de plantar 10.000 árbores no Concello de Ourense

Ourense, 12 de maio de 2024. O catro de outubro de 2023, o Alcalde Gonzalo Pérez Jácome e o Presidente da Xunta Alfonso Rueda, mantiñan un encontro no edificio Administrativo que o Executivo galego ten Avda da Habana en Ourense.

Dos escasos asuntos tratados na reunión o que máis chamou a atención, foi a proposta realizada polo Rexedor de plantar 10.000 árbores ao longo de todo o concello co obxecto de mitigar os efectos do cambio climático, proposta que “o Presidente da Xunta, quen manifestou a súa vontade de estudar a iniciativa, manifestou non soamente a súa conformidade coa mesma senón que chegou a considerala unha experiencia piloto a estender a outras cidades de Galiza”.

Para o deputado do BNG no Pazo do Hórreo Iago Tabarés, “existe unha realidade e é que desde hai anos, o patrimonio arbóreo da cidade de Ourense non deixa de minguar. Tanto a execución de obras promovidas polo Concello de Ourense como pola Xunta de Galiza, como o mal estado das árbores, consecuencia da falla de coidados, de intervencións mal realizadas ou por unha ubicación incompatible co seu crecemento natural, están a supor unha constante perda do arborado na cidade”.

Tabarés cita os casos concretos de Mariñamansa, A Rabaza, Cudeiro Os Remedios, Castro de Beiro, San Francisco, o Casco Histórico ou a zona centro, como “lugares que nos últimos anos sufriron particularmente a perda de distintos exemplares arbóreos”.

Mais o certo é que “transcorridos oito meses desde o compromiso do Presidente da Xunta coa proposta de recuperación do patrimonio arbóreo de Ourense, non consta a existencia de avance algún, mais ao contrario, continúa a diminución e degradación dos espazos verdes da cidade polo que desde o BNG instaremos á Xunta de Galiza a que, en coordinación co Concello de Ourense, proceda á inmediata posta en marcha do proxecto de plantación de árbores comprometido no seu día.”

O BNG interésase no Parlamento galego polos avances no proxecto avalado pola Xunta de plantar 10.000 árbores no Concello de Ourense