O peche do edificio que alberga ao CIMM é para o BNG “un novo golpe do Goberno Jácome ás persoas máis vulnerábeis do Concello”
A formación nacionalista denuncia que na Xunta de Área de Servizos Xerais e preguntado sobre as obras necesarias a acometer na sede da rúa do Ensino para erradicar a presenza do gas Radón, o Goberno Local confirmou que non se vai levar a cabo ningún investimento “pois está previsto abandonar o edificio”
O traslado do servizo á sede da Praza de San Martiño é segundo a formación nacionalista “é un paso atrás pois abandónase un edificio no que se garantía a intimidade e a confidencialidade das mulleres vítimas de violencia machista”
Ourense, 14 de maio de 2024. O Grupo municipal do BNG interesouse na Xunta de Área de Administración Xeral, Loxística, Seguridade e Mobilidade polas obras precisas para a erradicación do gas radón na sede que actualmente emprega o CIMM na rúa do Ensino, no barrio do Couto. A pregunta ven motivada, segundo afirma Luís Seara, representante do BNG na Xunta de Área, “polo feito de que o Goberno Local quere empregar este argumento como xustificación para trasladar os servizos que presta actualmente o CIMM nestas instalación e levalos ao edificio municipal da Praza de San Martiño, edificio no que curiosamente e tal e como acontece noutros moitos, tamén hai altos índices de gas radón”.
Para a formación nacionalista a resposta dada polo Concelleiro delegado de que non se vai levar a cabo ningún investimento e que a idea é abandonar o edificio, “é un paso atrás e un novo golpe ás persoas máis vulnerábeis do concello, nomeadamente ás mulleres vítimas de violencia machista”.
Seara argumenta que “estamos diante dun servizo que debe prestarse coas máximas garantías de intimidade e confidencialidade para as vítimas, e nun entorno agradable e tranquilo, requisitos que cúmpre o actual emprazamento do CIMM na rúa do ensino”, e engade, “o que pretende o Goberno Local é o seu traslado a unha sede onde xa existen outros departamentos municipais e onde o movemento de persoas é moi elevado chegando a darse o caso de que poidan coincidir vítima e agresor”.
Desde o BNG sinalan ademais que o edificio no que actualmente se ubica o CIMM, “foi cedido por 30 anos no seu día pola Fundación Villanueva Lombardero ao Concello de Ourense para a súa rehabilitación e o seu uso logo de trece anos por non querer investir 200.000 euros ao tempo que dilapidan miles de euros en cuestións banais”.
“Se o Goberno prescinde del, voltará a mans dos seus donos, totalmente rehabilitado e o Concello perderá un espazo referencia a día de hoxe para as vítimas de violencia machista e para as políticas de igualdade desenvoltas ao longo dos anos grazas á inmensa labor desenvolta polas profesionais municipais que nel traballan cada día”.