O BNG denuncia que non hai plan de humanización para o barrio da Ponte coa nova Estación Intermodal

A formación nacionalista critica os cambios de opinión de PSOE, PP e DO a respecto da construción da Intermodal

O BNG denuncia que non hai plan de humanización para o barrio da Ponte coa nova Estación Intermodal

O BNG ven de constatar que “non hai un só euro para o proxecto de humanización do barrio da Ponte” en relación á construción da nova intermodal. Así o confirmou o responsábel de infraestruturas a xunta de área de urbanismo que afirma que no convenio non consta tal investimento.

Durante a Xunta de Área de Urbanismo confirmouse que “non consta no convenio nin un só euro” para a humanización dos barrios da Ponte e o Vinteún. Isto confirma o que o BNG viña dicindo durante estes anos a respecto da falta de compromiso dos gobernos PP ou PSOE no Estado.

Tanto Partido Popular como Partido Socialista defenderon, nun momento determinado, o soterramento do AVE. O Partido Popular, cando chegou o goberno do Estado Español, pasou a defender unha Estación que “é de todo menos intermodal”. “O PSOE tamén defendía o proxecto de Foster e cando chegou a Madrid xa lle valía ese pendello que deixou deseñado o Partido Popular” engadiu Seara.

“Non imos permitir que nos tomen por parvos e imos esixir o cumprimento estrito dos compromisos” sinalou o portavoz municipal do BNG. Asemade, Seara afirmou que dende o BNG non pararán de demandar “unha estación digna e verdadeiramente intermodal”.

Xa en 2009, a organización nacionalista presentou alegacións sobre o estudo da Integración urbana e acondicionamento da Rede Ferroviaria de Ourense na que se expuña que o barrio da Ponte "padeceu unha territorial ocasionada pola Estación FFCC Ourense-Empalme". Solicitaban entón que as vías fosen soterradas para que os barrios da Ponte e o Vinteún se puidesen conectar.

Única forza comprometida

Asemade, Luis Seara reivindicou a figura do BNG nesta loita por teren defendido dende o comezo unha Intermodal digna. “É garantía que unha forza coma o BNG, sen dependencias nin ataduras, non obedeza as instrucións que veñan dende Madrid” apuntou o portavoz municipal do BNG, Seara. A organización nacionalista está en contra do proxecto vixente porque din que “non resolve a cuestión máis esencial como é superar a fractura histórica existente entre os barrios da Ponte e o Vinteún”.