O BNG denuncia que a Xunta non licitou aínda a reforma do Luís Acuña e desaproveita o verán para as obras

Noa Presas
Noa Presas
A deputada, Noa Presas, advirte que vixiarán o cumprimento da promesa de facelo en outubro e recrimina que chega tres anos tarde e pide medidas para paliar o frío no inverno en canto non se executen.
O BNG denuncia que a Xunta non licitou aínda a reforma do Luís Acuña e desaproveita o verán para as obras

Ourense, 9 de xullo de 2026.- A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, volveu preguntar hoxe no Parlamento Galego, como xa fixera en febreiro, sobre os incumprimentos da Xunta de Galiza coas obras de reforma integral do CEIP Luís Acuña que xa prometera o Partido Popular no ano 2023 e que non están nin sequera licitadas malia as protestas de pais, nais e comunidade docente neste curso, no que houbo dúas aulas pechadas e numerosos problemas de frío, goteiras e benestar.

Presas afeou ao goberno galego que “despois de preguntar en febreiro e prometer en días a licitación esta aínda non saiu e o único que está previsto é arranxar os baños de patio no verán, algo necesario pero absolutamente insuficiente”.

A nacionalista recordou que en febreiro de 2026 o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos Álvarez Bértolo dixo que era inminente a licitación e non se produciu e Presas recordou que “a promesa de 2023 é da Xunta do PP, non da oposición, por moito que agora acusen, de feito anunciaron que se licitarían as obras ao longo do 2024 para comezar a finais dese mesmo ano e a realidade é que non o fixeron nin no 2024 nin no 2025, se o fan por fin en outubro ou novembro de 2026 estaremos vixiantes pero non quita a súa incompetencia porque van ser outros dous invernos sen reforma rematada e polo tanto pedímoslle que tomen tamén medidas para paliar a situación que se deu este curso escolar e non desaproveiten o verán”.

Ademais, Presas afeou que mentres este luns avanzaron investimentos noutros centros de Galiza para facer no verán non recolleran este CEIP e lamentou que a Xunta no lugar de facer o seu traballo acuse a familias e ao BNG e puxo en valor o traballo da ANPA e do centro, sen cuxo labor esta promesa seguiría sen datas. 

O BNG denuncia que a Xunta non licitou aínda a reforma do Luís Acuña e desaproveita o verán para as obras